O BNG sinala a premeditación da prórroga da concesión de limpeza
Seara: “agochan esta decisión debaixo da situación excepcional que está a vivir a sociedade por mor do coronavirus”
O BNG sinalou a premeditación do cogoberno municipal, PP-DO, ante a prorroga a concesión da limpeza e apuntou a que aproveitan a circunstancia social de alarma polo coronavirus para alongar unha concesión que suporá 20.3 millóns de euros.
A formación nacionalista non comparte o argumento dado polo executivo municipal de “dispor de máis tempo para preparar con calma unha nova licitación do servizo”. Seara, o voceiro municipal do BNG, apuntou que a decisión de prorrogar o servizo xa se tiña tomado e “xa pasaron dez meses dende a toma de posesión que é tempo máis que suficiente para que fixeran os deberes sabendo que en marzo remataba esta concesión”. Esta prórroga na concesión custará aproximadamente un 20.3 millóns de euros que sairán da cidadanía ourensá por culpa dun cogoberno muncipal ineficaz.
“Agochan esta decisión debaixo da situación excepcional que está a vivir a sociedade por mor do coronavirus” apuntou o voceiro municipal. Asemade, lembrou que DO cuestionaba no seu momento o cumprimento do prego do servizo de limpeza por parte de Ecourense. O BNG pensa que o cogoberno municipal tomou esta decisión para que pase “o máis desapercibido posíbel. Os que hoxe están a prorrogar o servizo de limpeza, foron os mesmos que cuestionaron o funcionamento e a prestación do servizo durante anos”.
O voceiro municipal do BNG, Luis Seara, afirmou que o Concello de Ourense precisa un goberno solvente e non saqueadores das arcas públicas en momentos de crise. Asemade, dende a formación reiteraron que teñen a man tendida ao goberno municipal para axudar no que poidan e superar a situación de alarma social que atravesa a poboación ante o coronavirus.