O BNG solicita no Concello de Ourense a prórroga do pago da plusvalía

A formación nacionalista ve discriminatorio que as persoas sen certificado dixital non poidan realizar a actividade a pesares de acudir ás oficinas

O BNG solicita no Concello de Ourense a prórroga do pago da plusvalía

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense presentou un escrito no Concello de Ourense solicitando a prórroga do prazo de auto liquidación do imposto sobre o incremento de bens de natureza urbana. A organización alega que moitas persoas acoden ás oficinas sen certificado dixital o que imposibilita o trámite e teñan que acudir a unha asesoría para que se lle faciliten os trámites.

“Hai moitas persoas que acoden ás oficinas municipais para liquidar o imposto sobre o incremento de valor de bens de natureza urbana, coñecida como plusvalía, e non o poden facer por non teren o certificado dixital” destacou o voceiro do BNG en Ourense, Luis Seara. O decreto do estado de alarma impediu que as oficinas da AET e do D.L. electrónico, onde se podería activar, estean abertas co que, a única alternativa que lles queda “é acudir a unha asesoría e pagar polos servizos prestados”.

Desde a organización nacionalista cualificaron de “inxusto” e “discriminatorio” que a xente se vexa obrigada a pagar por un servizo a terceiros “cando o poderían facer de maneira gratuíta desde o Concello de Ourense”. Seara apuntou que a situación económica “é tan precaria en moitas familias neste momento”.

Por este motivo, o BNG solicitoulle ao Concello de Ourense que, con carácter inmediato, “se prorrogue o prazo de autoliquidación do imposto de plusvalía” até que a situación permita dispoñer dos recursos necesarios para realizar os trámites pertinentes. Desde a organización nacionalista sinalaron que as persoas sen certificado dixital teñen que ter o mesmo dereito de realizar a actividade sen que isto traia consigo un gasto extra.

O BNG solicita no Concello de Ourense a prórroga do pago da plusvalía