O BNG solicita no Parlamento galego a humanización e mellora da seguridade vial e peonil na rúa da Granxa de Ourense
Ourense, 15 de setembro de 2023. “Actualmente varias ducias de rúas da cidade de Ourense son de titularidade da Xunta de Galiza polo que é a esta Administración a quen corresponde o mantemento e o coidado das mesmas. Porén, en moitos casos, estas rúas atópanse nun deficiente estado de conservación, constituíndo un perigo tanto para vehículos como para os sempre máis vulnerábeis peóns”.
Con estas verbas comeza a exposición de motivos da PNL rexistrada polo BNG no Parlamento galego a través do deputado por Ourense Iago Tabarés e na que fai especial fincapé na situación na que se atopa a rúa da Granxa “na que nos últimos meses e anos se teñen producido un importante número de accidentes e de atropelos con feridos de consideración, mesmo con fatais consecuencias”.
Tabarés sinala que “o deterioro do firme, con numerosas e importantes fochancas, a existencia dun pequena rotonda sen sinal previa de advertencia, a falla de reposición da sinalización horizontal e a ausencia de regulación semafórica en treitos nos que se fai esencial como o situado nas inmediacións do inmoble número 97 son algunhas das eivas que desde hai moitos anos afectan á rúa”.
A actual situación do estado xeral da rúa, deu lugar, tal e como apunta o deputado Iago Tabarés “a numerosas queixas veciñais recollidas tanto nos medios de comunicación como directamente trasladadas á Xunta de Galiza, sen que deran lugar a execución de actuacións verdadeiramente destinadas a solucionar o problema de seguridade viaria e peonil existente, limitándose a anunciar a redacción dun proxecto do que, a pesares do tempo transcorrido, aínda nada se sabe”.
Por todo o anterior, o BNG solicítalle ao Goberno galego celeridade para a execución da “humanización e das obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria e peonil desta rúa que deberan abranguer a renovación do firme, da sinalización horizontal, o emprego de pintura reflectante nos pasos de peóns para a visualización destes así como a regulación semafórica na contorna do inmoble número 97”.