O BNG solicita á Xunta de Galiza medidas que contribúan a que as e os profesionais que rematan o MIR en Ourense continúen a súa carreira profesional nesta Área Sanitaria

Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense
Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense

Desde a formación nacionalista esixen medidas que eviten o acontecido nos últimos anos nos que soamente 4 dos 14 profesionais que remataron o MIR na atención primaria de Ourense decidiron continuar a súa carreira nesta Área sanitaria

O BNG solicita á Xunta de Galiza medidas que contribúan a que as e os profesionais que rematan o MIR en Ourense continúen a súa carreira profesional nesta Área Sanitaria

Ourense, 27 de setembro de 2023. Desde hai anos os Colexios profesionais, as organizacións sindicais e diferentes asociacións para a defensa dos dereitos dos pacientes e da sanidade pública veñen denunciando o constante deterioro da sanidade pública en xeral e da atención primaria en particular.

O deputado por Ourense do BNG Iago Tabarés, lembra que “hai uns meses a Presidenta do Colexio de Médicos de Ourense denunciaba o deterioro da atención primaria, recoñecendo que a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria que ten que ser o motor da sanidade pública non estaba coidada e potenciada como debera”.

Tabarés denuncia que “os profesionais de atención primaria veñen padecendo unha extraordinaria carga asistencial con axendas elevadísimas que deben compaxinar cunha carga burocrática crecente, polo que é o compromiso e adicación das profesionais o que mantén un sistema que a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense non quere ou non sabe xestionar”.

Desde o BNG fan mención á situación na que se atopan numerosos Centros de Saúde e PACs de Ourense “que carecen dos necesarios especialistas en Medicina Familiar, ao que hai que engadir que segundo as previsións do propio Colexio Profesional de Ourense, no próximo lustro producirase a xubilación, na provincia, de cando menos 90 especialistas”.

Iago Tabarés ten claro que “a previsión das necesidades de facultativos desta especialidade tan esencial para o funcionamento do sistema sanitario, máxime nunha provincia envellecida como a de Ourense, esixe da planificación e organización das medidas necesarias para a provisión dos postos de traballo actualmente vacantes e do obrigado relevo xeracional”.

O pasado mes de novembro, o Xerente da Área Sanitaria de Ourense imputaba ao “déficit de especialistas” á falla de cobertura das numerosas vacantes existentes nos distintos Centros de Saúde e PACs da provincia de Ourense. Porén, a realidade “é que no último ano menos dun 30% dos e das médicas que remataron en Ourense a súa especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria ficaron na atención primaria nesta Área Sanitaria. Asemade, a oferta de prazas MIR, que viña sendo entre 12 e 14 todos os anos, cubríanse na súa totalidade, porén este ano aínda fican 13 sen cobertura”.

No BNG cuestionan a capacidade da dirección do SERGAS para, segundo Iago Tabarés, “xestionar os cadros de persoal necesarios para a atención sanitaria que a cidadanía de Ourense precisa”. Situación dada, tal e como afirma o propio Tabarés, “polas condicións laborais e asistenciais que se lle ofrecen ás profesionais, con ofertas laborais precarias e de curta duración, así como unha carga asistencial superior ao límite máximo de referencia marcado pola OMS”.

Desde o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo solicítanlle á Xunta de Galiza “coñecer cales son as medidas que o SERGAS ten previsto aplicar para conseguir que as e os profesionais que rematan o MIR en Ourense permanezan e desenvolvan a súa carreira profesional na atención primaria desta Área Sanitaria”.

 

O BNG solicita á Xunta de Galiza medidas que contribúan a que as e os profesionais que rematan o MIR en Ourense continúen a súa carreira profesional nesta Área Sanitaria