O BNG teme a aprobación do actual PXOM sen unha exposición pública previa
Sinala a especulación urbanística que se agocha debaixo da aprobación do Plan Xeral
O BNG sinala que non é casualidade que a carteira de urbanismo no Concello de Ourense fose para o Partido Popular. Critica o cambio de posición de DO ante o PXOM e ve a necesidade dunha exposición pública do documento como método democrático. Asemade, denuncia a estratexia de acoso e derrubo do PP-Baltariano para que Cudeiro, artífice do actual PXOM, entre no concello por Jesús Vázquez.
Após dous meses de lexislatura, o anterior alcalde do concello de Ourense, Jesús Vázquez, segue a ser concelleiro na cidade e apoia ao tripartito que goberna a cidade. Asemade, agora está protexido por Feijóo ao seren senador por designación autonómica. Dende a toma de posesión do actual alcalde Jácome e a equipa de goberno, segundo fontes do Partido Popular de Ourense, "ímoslle facer a vida imposíbel" co obxectivo de que deixe o cargo de concelleiro e a presidencia local.
Ao dimitir da presidencia do PP local e a súa acta como concelleiro, entraría no tripartito local José Cudeiro, un dos homes de Baltar e figura referente na especulación urbanística da cidade. Cudeiro foi a persoa creadora do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que o BNG quere que se leve a exposición pública tras as modificacións aprobadas en Xunta de Goberno Local este mesmo ano pouco tempo antes das eleccións municipais.
Detrás desta decisión non so hai unha loita polo control do PP na cidade, senón tamén, unha estratexia favorable aos especuladores, que están a presionar fortemente para que este relevo se faga o máis cedo posíbel e poder levar a cabo o PXOM modificado. Agora este Plan Xeral conta co beneplácito de Democracia Ourensana, após emitiren unha denuncia no Contencioso-Administrativo presentada por esta aprobación, xa que o seu posicionamento mudou nos últimos meses afirmando que o Plan só precisa de "retoques" e necesítante "pulir" certos aspectos.
Dende a formación frontista sinalan críticamente ao actual goberno tripartito do concello de Ourense. Pregúntanse onde ficará a denuncia interposta e se agora Democracia Ourensana aceptará o PXOM especulativo que o Partido Popular quere levar a cabo no concello de Ourense.