O BNG traslada ao Parlamento a desatención das embarazadas de Ourense
A deputada por Ourense Noa Presas acusa ao Partido Popular de clausurar servizos esencias da Atención Primaria e de impedir que ser nai en Ourense teña os mesmo dereitos que no resto do país pola falta de persoal ou a unificación de lactantes e doentes pediátricos no CHUO
Ourense, 30 de novembro de 2020. O BNG faise eco das denuncias de desatención a embarazadas nos centros de saúde de Ourense e traslada iniciativas ao Parlamento Galego. A deputada por Ourense Noa Presas, sinala que “isto acontece por dúas cuestións, faltan matroas, algo que se ten denunciado desde hai anos por sindicatos e profesionais, pero tamén pola desidia do Partido Popular, que ten a Atención Primaria clausurada cando hai servizos que non se poden suprimir” e ademais engade “hai unha ofensiva contra os dereitos das mulleres, das nais e da poboación infantil, temos un hospital que non ten unha unidade específica de cirurxía pediátrica, temos falta de pediatras máis que en ningún outro lugar do país e temos cuestións moi graves como a unificación no Hospital de Ourense da unidade de lactantes e de crianzas escolares e preescolares no CHUO, unidas sen explicación nin aval científico desde os meses de verán única e exclusivamente para aforrar persoal”.
Presas afirma que “coa grave situación de desatención na cidade e comarca de Ourense das mulleres embarazadas, están a ver vulnerados os seus dereitos a unha adecuada preparación e información para o desenvolvemento do parto e outros elementos do exercicio da maternidade” e non é razonable que segundo a deputada nacionalista ”despois de máis de oito meses de pandemia non exista unha adaptación deste tipo de formacións á realidade marcada pola covid-19, máis aínda cando existen experiencias impulsadas por profesionais que poden servir de guía, como a formación en liña impulsada polas profesionais do Hospital de Verín”
Para o BNG “esta situación amosa as consecuencias da falta de matronas e de persoal de enfermaría e persoal, en xeral, de Atención Primaria. Se isto acontece no centro da terceira cidade de Galiza, é só a punta do iceberg dun problema meirande que debe ser situado como prioridade por parte da Consellaría de Sanidade. Estes feitos súmanse á inexistencia dun servizo propio de cirurxía pediátrica e ás denuncias respecto da violencia obstétrica que este mesmo 25 de novembro denunciaban diferentes organizacións feministas e de apoio á lactancia materna en Ourense, dirixindo reclamacións ao SERGAS e ao CHUO”.
Presas sinalou que “É grave que ao mesmo tempo que o goberno galego impulsa un proxecto de lei para atallar a crise demográfica, no que basicamente se arbitran medidas natalistas que responsabilizan ás mulleres galegas da falta de nacementos, no lugar do país onde máis grave é esta crise se vulneren reiteradamente os dereitos das embarazadas e das crianzas, convertendo a maternidade nunha carreira de obstáculos e na procura constante de dereitos que deberan estar cubertos pola administración galega desde o minuto cero.”
Por estes motivos, o Grupo Parlamentario do BNG trasladou iniciativas nas que demandan “Adoptar medidas urxentes de captación e contratación de persoal, especialmente de matronas e matrones, para garantir unha adecuada atención nos centros de saúde de Ourense ás mulleres durante o embarazo e durante o período inmediatamente posterior, asegurando as formacións específicas necesarias e a atención persoal e presencial” e “Adoptar medidas urxentes para adaptar as formacións durante a pandemia da covid-19 facilitando a atención en soportes virtuais e telefónica seguindo o “modelo Verín”, garantindo que sexa o máis personalizada posible e que, en todo caso, non se exclúan as consultas presenciais cando fosen necesarias.”