O BNG ve nos orzamentos de PP-DO unha falta de proxecto de futuro para Ourense
A formación cualificou os orzamentos como "decepcionantes, insolidarios e regresivos
O grupo municipal do BNG criticou a proposta de orzamentos presentados polo cogoberno de PP e DO para o ano 2020. Sinalaron a falta dun proxecto de futuro para Ourense por parte do cogoberno posto que deixan áreas importantes no desenvolvemento socioeconómico da cidade cun menor peso orzamentario.
Repasando a hemeroteca, o BNG resaltou o sectarismo da Xunta de Galiza posto que o Concello de Ourense tería que ter presentado en 2019 o plan económico financieiro por rebasar o teito de gasto. Acción que non fixo como paso previo para a elaboración dun novo orzamento para o ano 2020. A Xunta noutras ocasións é inflexíbel pero Ourense é a única cidade na que o Partido Popular ten competencias de goberno.
"Son uns orzamentos decepcionantes, insolidarios e regresivos" cualificou o voceiro municipal do BNG, Luis Seara, a respecto da proposta presentada polo cogoberno. Explicou que son decepcionantes porque despois de seis anos "os orzamentos devecen en máis dun millín de euros" repartíndose "a tarta" entre as áreas levadas por Democracia Ourensana e o Partido Popular e afianzando o denominado "Pacto da Vergoña".
O voceiro municipal do BNG tamén asegurou que non era certa que a baixada do IBI non se note á hora de acometer máis investimento: "esta é unha baixada que beneficia aos que máis propiedades teñen". Esta merma dos impostos indirectos compénsase pola suba dos impostos indirectos "que afectan a todo o mundo por igual, independentemente da súa situación patrimonial".
Asemade, Luis Seara destacou que esta proposta de orzamentos non son os máis solidarios, sinalando que declararan o mesmo que no ano 2018, entre outras moitas cousas polo aimento no prezo do contratante do servizo de axuda no fogar. "Áreas como Cultura ou Participación Cidadá reciben nesta proposta menos do 5% vendo reducidas as súas partidas. Turismo e Termalismo, sectores estratéxicos no desenvolvemento socioeconómico de Ourense, saen claramente perxudicadas" sinalou Seara.
Deportes segue a mesma vía que as área sinaladas con anterioridade posto que, a pesar de subir as achegas, todas "se derivan ao COB e ao Rallye de Ourense pasando da concorrencia competitiva ás achegas nominativas. Decisións políticas que encarecen o resto do aspectro deportivo do concello de Ourense".
A formación nacionalista sinalou que "non hai un proxecto de futuro para o Concello de Ourense por parte do cogoberno PP-DO e isto pode verse na súa proposta de orzamentos para o ano 2020". Áreas como Educación, Formación Ocupacional, Termalismo, Turismo, Promoción Económica ven mermadas as achegas económicas. Pezas clave para o futuro e o desenvolvemento da capital da circunscripción.
Falta de coherencia no cogoberno municipal
"A concelleira de Facenda demostrou na súa intervención que non é capaz de improvisar e que se pode dicir unha cousa e a contraria sen despeinarse" sinalou o voceiro municipal do BNG. Asemade, sinalou que este cogoberno perdeu o sentido da palabra coherencia e pondo como exemplo a rebaixa do IBI.
Oportunidade perdida para a nova canceira
Dende a formación nacionalista chegaron á conclusión, despois de socializar o tema da reforma da canceira municipal, de que o proxecto é pouco ambicioso e cun orzamento elevado. "Si que será un proxecto de mellora pero non dignificará aos animais nin ás traballadoras da canceira" sinalou Seara. A posibilidade de construir nun novo emprazamento a canceira é unha das achegas realizadas polo BNG así como un novo modelo de colaboración e implicación por parte do Concello de Ourense. "É preciso que o concello se implique na canceira asumindo, por exemplo, as tarefas administrativas e burocráticas" concluíu o voceiro do BNG.