O BNG ve unha ruptura na equipa de goberno en Ourense polo Plan Xeral de Ordenación Municipal
A formación nacionalista critica o inmobilismo do cogoberno perante a crise da covid-19 nas Xuntas de Área do Concello de Ourense
O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense criticou o comportamento da equipa de goberno formada polo Partido Popular e Democracia Ourensana. A formación sinalou que o goberno municipal “atópase roto e á deriva” tras as declaracións do alcalde referidas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal e que esta ruptura non pode permitir que o cogoberno non estea centrado en xestionar a crise xurdida pola covid-19.
O voceiro municipal do BNG, Luis Seara, sinalou que a ruptura do cogoberno retrotraíase ás declaracións do actual alcalde falando sobre o PXOM: “existe unha fonda crise no seo do goberno municipal que, por máis que tenten ocultalo, móstrase nas Xuntas de Área cada vez que se lle pregunta á concelleira de Urbanismo e ela contesta que os anuncios do alcalde son iso, anuncios do alcalde”. Isto da a entender que non existe ningún tipo de “feeling” entre os socios de cogoberno e que o alcalde “vai por libre dicindo o que lle peta sen pedirlle parecer aos demais”.
“Preocúpanos que en vez de estar centrados en xestionar esta situación de grave crise xurdida pola covid-19 e que está a afectar a miles de veciñas e veciños, as inquedanzas do cogoberno estriben en como cambalachear e trapichear cun Plan de Urbanismo. Un Plan que Jácome chegou a definir no seu día como putrefacto e inzado de pelotazos” lembrou o voceiro do BNG. Asemade, a formación nacionalista criticou o comportamento da equipa de goberno funcionando como “compartimentos estancos e que o seu único obxectivo consiste en manterse no poder a costa do que sexa e ao prezo”.
A formación nacionalista tamén cualificou o comportamento de “desprezo” que posúa o goberno coa oposición ao non ter comparecido nin respondido os concelleiros e concelleiras delegadas nas Xuntas de Área. “Os responsables das áreas de infraestruturas, medio ambiente, persoal e comercio non compareceron nas Xuntas co cal dificulta a labor de control e fiscalización, ademais de facer imposíbel obter respostas ás múltiples preguntas que se lles trasladan” afirmaron desde a organización nacionalista.
Falta de diálogo social e conciliación
A concelleira do BNG, Rhut Reza, afirmou que é preciso un “reforzo orzamentario” dedicado á área de política social ao igual que un aumento nas traballadoras e traballadores por atoparse desbordado desde o comezo da crise da covid-19. “É necesaria unha reestruturación e un reforzo dos servizos sociais, abrindo as listaxes de profesionais e aumentando orzamento”.
Asemade, a formación nacionalista afirmou que hai moitas familias non saben como van facer “para pagar as facturas” pero tamén para “conciliar a súa vida familiar coa vida laboral”. Coa chegada do verán as familias tamén precisan saber se o Concello vai a favorecer, a través dos mecanismos e ferramentas que se establecían con anterioridade, esta conciliación”.
Axudas para autónomos “libre de burocracia”
Nunha das Xuntas de Área, a formación nacionalista tamén preguntou sobre os trámites que se estaban levando a cabo para que os e as autónomas da cidade puideran percibir a axuda que anunciaran xa hai máis dun mes o alcalde. Cando se prevé que se vai abrir? “Aínda non teñen un informe técnico, nin o xurídico nin o do interventor, e mesmo non teñen programado nin un horizonte temporal para desenvolver esas axudas que anunciaran” criticaron desde a organización nacionalista.