O Concello de Ourense gasta máis en publicidade que en emerxencia social
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o goberno incrementa en 300.000 o gasto en publicidade a través dunha modificación de crédito, tanto como todo o investimento en emerxencia social de 2012 e 2013
No ano 2012 os investimentos en emerxencia social foron de 133.420,39 e ata outubro de 2013 ascendían a 163.348,34, menos do que o goberno de Ourense ven de incrementar a partida destinada a publicidade e propaganda.
Na situación social que se vive en Galiza e Ourense, cunha crise económica que pecha establecementos locais, que ten ao 50% da mocidade no desemprego, con máis de 11.000 fogares con todos os seus membros no desemprego, con familias que fican na rúa por non poder facer fronte aos impagos da vivenda o Concello de Ourense gasta nun ano máis en publicidade e propaganda que nos últimos dous anos en axudas de emerxencia social.
Para a concelleira Ximena González 'esta é a proba definitiva de que este goberno esta incapacitado para facer políticas de esquerdas, os discursos son moi bonitos pero as prácticas son as que nos definen, máis para publicidade que para emerxencia social, un auténtico despropósito.
Os datos, aportados polo Concello de Ourense son para o BNG 'demoledores' e 'unha mostra do nulo interese que teñen algúns de que as institucións sirvan para a cidadanía, porque as empregan para servise eles' comenta a edil nacionalista Ximena González que engade 'estes días coñecimos que unha muller con dous fillos ficaron na rúa por non afrontar os 300 dun alugueiro, o Concello gasta iso multiplicado por 1.000 en darse autobombo, é unha vergonza'.
As nacionalistas denuncian esta política económica e advirten que 'nos próximos orzamentos, se os presentan, o investimento en emerxencia social debera ser unha das prioridades, con cantidades que superen, en moito, as actuais de outro modo que non conten con nós para a súa aprobación' indica Ximena González.