O Goberno Local confirma, a preguntas do BNG, a posibilidade de ter que ampliar a flota do transporte público tralos cambios nas liñas

Busitos parados en Quintela
Busitos parados en Quintela

Diante da insistencia do BNG, o Executivo Local confirmou esta posibilidade debido á imposibilidade de cubrir todas as necesidades existentes a día de hoxe

O Goberno Local confirma, a preguntas do BNG, a posibilidade de ter que ampliar a flota do transporte público tralos cambios nas liñas

Ourense, 14 de outubro de 2025. Na Xunta de Área de Admon. Xeral, Loxística e Seguridade Cidadá celebrada esta mañá no Concello de Ourense, o Grupo municipal do BNG trasladou unha batería de preguntas relacionadas co transporte público logo do caos xerado coa entrada en funcionamento das novas liñas o pasado día 16 de setembro. Diante da insistencia dos nacionalistas, o Goberno local confirmou a posibilidade de ter que ampliar a flota de autobuses diante da imposibilidade de cubrir todos os servizos cos vehículos actuais.

O Portavoz do BNG Luís Seara entende que esta decisión confirma o que levan anos advertindo, “cando Jácome decidiu mercar os novos autobuses xa advertimos da necesidade de ter previamente definido o mapa de liñas e o tipo de bus necesario para cubrir todas as necesidades” e engade, “daquela fixo oídos xordos como soe ser habitual nel e agora resulta tíñamos razón xa que co novo mapa de liñas, os vehículos que hai non chegan para cubrir todos os servizos e ademais, no caso dos busitos, a súa escasa capacidade fainos inoperativos en moitos casos”.

Desde a formación nacionalista preguntaron cal ía ser a fórmula escollida para esa nova adquisición “mais neste caso non obtivemos resposta por parte do Goberno Local”.

Traslado da UNIS do Couto.

O BNG tamén denuncia que na Xunta de Área de Servizos Sociais e a preguntas da Concelleira Rhut Reza, o Goberno Local confirmou que a nova ubicación da UNIS do Barrio do Couto non estará “nin no Couto nin na Carballeira” feito que para a formación nacionalista “revela que o que se pretende é pechala definitivamente xa que non ten ningún sentido que esta Unidade non estea no propio barrio”.

Rhut Reza destaca ademais a especial importancia da UNIS do Couto “ao estar situada nun barrio cunha elevada poboación migrante que precisa de todo o apoio posible por parte do Concello. A UNIS é unha ferramente fundamental polo que non é admisible que o seu suposto traslado se faga a unha zona distinta da cidade e moito menos o que realmente pretende este Goberno Local que non é outra cousa máis que pechala”.

Fonte do Tinteiro.

Na Xunta de Área de Infraestruturas, o Concelleiro Xosé Manuel Puga interesouse pola situación na que se atopa a fonte do Tinteiro e se está previsto o seu arranxo “dado que a auga sae actualmente mezclada coa do río, o que provoca que perda as súas propiedades”. A resposta recibida por parte do Concelleiro Francisco Lorenzo foi que “é a Concellería de Termalismo a que ten que solicitar o arranxo a Infraestruturas, indicando a temperatura á que tería que sair a auga”.

Na Xunta de Área de Dinamización municipal celebrada posteriormente, a Concelleira Erea Blanco trasladou a información facilitada por Lorenzo, recibindo como resposta da Concelleira de Termalismo Noa Rouco “que era unha cuestión que atinxía a Infraestruturas e que ela non levaba fontes”.

Esta “esperpenta situación” revela, segundo sinalan desde o BNG, “a falta de coordinación total e absoluta na que vive o actual Goberno Local do Concello de Ourense, onde os Concelleiros botan balóns fóra continuamente e onde nin tan sequera teñen claras cales son as súas competencias”.

O Goberno Local confirma, a preguntas do BNG, a posibilidade de ter que ampliar a flota do transporte público tralos cambios nas liñas