Luís Seara advirte a Jácome: “até que o Goberno Local non presente un proxecto de Orzamento, o BNG non apoiará ningunha modificación de crédito máis”

Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco

Se trae unha proposta de Orzamento, ten tempo até mediados de outubro, estamos disposto a sentar á mesa para negociar. Non ímos ser os tontos útiles de Jácome para aprobar un Orzamento encuberto e pola porta de atrás sendo meros espectadores. Polo tanto que se esqueza de negociar modificacións de crédito connosco. Só sentaremos a falar do Orzamento”

Luís Seara advirte a Jácome: “até que o Goberno Local non presente un proxecto de Orzamento, o BNG non apoiará ningunha modificación de crédito máis”

Ourense, 23 de setembro de 2024. O pasado venres celebrouse no Concello de Ourense unha Comisión de Pleno co obxecto de dictaminar até un total de 10 modificacións de crédito que sumadas, ascenden a un total de 22.293.576 euros, finalmente, adiouse a decisión até este mércores ante a solicitude de PSdeG e PP e que contou co respaldo do BNG de adiar a mesma “para mellor estudo”.

Este luns, o Grupo municipal nacionalista compareceu diante dos medios para denunciar, tal e como verbalizou o seu Portavoz Luís Seara este proceder, ao entender que “é unha absoluta tomadura de pelo que ano tras ano nos atopemos no último trimestre con esta situación”.

O Portavoz nacionalista lembrou que “xa no mandato pasado pero especialmente no que vai deste, levamos pedido por activa e por pasiva que Jácome presente un borrador de Orzamentos. Como até o de agora tenlle ido ben, Jácome utiliza a táctica de traer sucesivas modificacións de crédito, con partidas, ás máis delas infladas, por enriba das necesidades reais de gasto que, ademais en algún caso, son para o pago de compromisos de gasto contraídos no pasado”.

A ollos do BNG “isto revela unha anomalía desde o punto de vista orzamentario, dado que o Concello non debería necesitar crédito para financiar compromisos pasados, agás que se incorporaran indebidamente, é dicir, sen crédito, que é o que acabou acontecendo”, e engaden, “consecuencia directa desta práctica é que así o Alcalde, ao ser no último trimestre do ano, poderá incorporalas no caso de que foran aprobadas, ao exercicio seguinte, é dicir, tería un Orzamento de facto, no que só mete o que a el lle interesa, sen necesidade de sentar a negociar coa Oposición”.

Seara recordoulle ao actual Rexedor que “non ten maioría absoluta e polo tanto non pode facer o que lle peta, pretendendo ademais que os demais sexamos os pafagantas da festa”. Luís Seara advertiu que, “con este xeito de facer política, está a colocar ao Concello nunha situación económica tan delicada que é moi posible que a curto prazo teñamos que acometer un plan de axuste, cos prexuizos que iso ocasionaría para o conxunto da veciñanza”.

O Portavoz do BNG facía mención ao feito de que os expedientes de incorporación de remanentes tramitados a día de hoxe, incrementaron as previsións de gasto para o exercicio económico en curso en máis de 40 millóns de euros. “Non imos discutir da necesidade de moitas das partidas, senón de trampa que Jácome nos tende e da situación de quebranto económico que supón o uso e abuso desta fórmula para as arcas municipais, tal e como din os técnicos municipais nos seus informes”.

Desde a formación nacionalista quixeron deixar claro que “entendemos que haxa colectivos que teñan compromisos co Alcalde e que se poidan sentir prexudicados. Para nós sería moi doado pechar os ollos e tirar para adiante, pero iso sería unha enorme irresponsabilidade porque colocaríamos ao Concello nunha situación límite que acabarían pagando o conxunto das veciñas e veciños e iso sería gravísimo”.

Dispostos a falar dun novo Orzamento.

O Grupo municipal do BNG amosouse disposto a negociar un novo Orzamento que permita sacar ao Concello da situación de parálise na que se atopa. Luís Seara, Portavoz nacionalista, foi moi claro ao respecto, “estamos disposto a sentar á mesa para negociar. Non imos ser os tontos útiles de Jácome para aprobar un Orzamento encuberto, pola porta de atrás, sendo meros espectadores. Polo tanto que se esqueza de negociar modificacións de crédito connosco. Soamente sentaremos a falar do Orzamento”.

Rhut Reza, X. Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco


 


 


 


 

Luís Seara advirte a Jácome: “até que o Goberno Local non presente un proxecto de Orzamento, o BNG non apoiará ningunha modificación de crédito máis”