Patriarcado e Conferencia Episcopal: alianza criminal
Declaración do BNG Ourense neste 25 de novembro:
Dende o BNG queremos, neste 25 de novembro, pór no centro do debate a necesidade dun discurso de radicalidade na loita feminista. Radicalidade entendida como procurar a raíz do problema das violencias contra as mulleres.
Cremos que este 25 de novembro debe ser un día de denuncia de todas aquelas institucións, estruturas e espazos nos que se xeran e alimentan as violencias contra as mulleres.
Para o acto de hoxe diante do Bispado poidemos escoller a sede do PP, un partido empeñado en devolvernos á época das cavernas e quitarnos todos os dereitos conqueridos en materia de xénero, ou a sede dunha entidade financeira, pois os poderes económicos, o capitalismo ao fin, na súa alianza co patriarcado convirten ás mulleres no maior segmento de poboación con grave risco de exclusión social e provocan que a pobreza teña sempre cara de muller.
Pero escollemos a sede do Bispado porque se hai unha alianza forte que sustente o patriarcado é a que este mantén coa Igrexa Católica, nomeadamente coa Conferencia Episcopal.
Julia, Tina, Iria e Marisol, as mulleres asasinadas na Galza este ano, e tamén as máis de 40 asasinadas no estado español, estarían hoxe con nós se non existisen estruturas como a Igrexa Católica, adicada dende a súa orixe a minimizar o papel das mulleres na sociedade, a aliarse cos gobernos que negan os dereitos das mulleres, a impor a súa moral, a intervir na nosa educación, a tentar controlar os corpos das mulleres, a negar a súa sexualidade, a impor o seu modelo de familia, a tutorar a maternidade. E todo iso é violencia, é violencia contra as mulleres, violencia que sumada a outras violencias acaba desembocando na máis tráxica das consecuencias: o asasinato.
Para denunciar estas violencias, para denunciar a alianza da Igrexa Católica co patriarcado está hoxe dianto do Bispado de Ourense o BNG.
Todas as mulleres asasinadas polo patriarcado son as nosas heroínas, elas deron a súa vida nunha revolución permanente que o movemento feminista leva practicando contra o sistema de dominación que oprime a toda a humanidade, ao seu conxunto: mulleres e homes. Por iso queremos homenaxealas, darlles un adeus de recoñecemento polo seu valor.
Queremos facelo, simbolicamente, coa festa de soterramento do patriarcado á que convocamos a sociedade galega rebelde e combativa, á que convocamos a todo o movemento feminista, a todos os movementos sociais, a todas as persoas sensibilizadas con esta cuestión. Co patriarcado soterraremos as súas fillas, a violencia de xénero, a submisión e a invisibilidade e a dominación; a súa irmá, a linguaxe sexista; os seus irmáns, os micromachismos;os seus veciños, o heterosexismo, a explotación e a misoxinia; as súas fontes, a conferencia episcopal, a división sexual do traballo, a familia e o androcentrismo; os seus compañeiros de traballo, o capitalismo, o consumismo, a opulencia; os seus cómplices e demais beneficiarios.
O acto terá lugar mañá 24 de novembro en Compostela co obxectivo tamén de sumarnos dende o BNG a todos os actos que se convocaren o propio 25N. Partiremos ás 12.00h da Praza do Toural e chegaremos sobre as 13.00h ao cemiterio do Parque de Bonaval onde soterraremos como se merece a causa dos asasinatos machistas: o patriarcado.
En Ourense, o día 25 o BNG súmase e participará do acto convocado polo movemento feminista na nosa cidade que partirá ás 12.30h dende o Parque San Lázaro.
Novembro 2012