Pontón: “Ourense merece moito máis e Seara é o alcalde que a cidade necesita para iniciar un novo rumbo de esperanza”

Presentación candidatura Luís Seara BNG Ourense1
Rhut Reza, Luís Seara e Ana Pontón

Luís Seara: “Abriremos un tempo novo para recuperar o orgullo de sermos de Ourense, estamos preparados, temos proxecto e as persoas para afrontalo”

Pontón: “Ourense merece moito máis e Seara é o alcalde que a cidade necesita para iniciar un novo rumbo de esperanza”

Ourense, 20 de setembro de 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no mitin de presentación de Luís Seara como candidato á Alcaldía de Ourense, indicando que é a persoa acaída para devolverlle á dignidade á institución e recuperar o orgullo da cidade, con vontade de cambio, de transformar a cidade para mellorar a vida das persoas, “damos un paso de xigante para devolverlle a dignidade a Ourense” cun candidato “sereno e solvente”.

Tras anos de disparate, Ourense merece tranquilidade e bo facer e, para iso, no BNG temos o mellor candidato, a persoa que pode devolver as veciñas e veciños o orgullo de ser de Ourense, o home que vai facer regresar a dignidade ao concello, que traerá as boas prácticas á política municipal”, salientou a líder do Bloque. “Un resultado histórico do BNG é clave para darlle futuro a esta cidade e superar o caciquismo do clan Baltar”, recalcou.

Ourense merece un novo rumbo, dirixido pola ilusión e o entusiasmo do BNG e do candidato Luís Seara, merece volver ser faro de cultura, merece subir ao tren da transformación urbana que pon no centro ás persoas, merece confiar nos seus recursos, no seu patrimonio, nos seu potencial produtivo, no comercio de proximidade. Ourense merece confiar en que é posíbel unha xestión eficaz que mellore a vida da veciñanzas”, proclamou Pontón. “Ourense, concluíu, merece ser un concello accesíbel para todos e todas, integrador, solidario, cun Goberno coas portas e as fiestras abertas á cidadanía”.

As eleccións municipais de 2023, explicou a líder do Bloque, son tamén o primeiro paso cara o cambio galego e non imos escatimar esforzos, talento e traballo para que Ourense forme parte dese tempo novo que Galiza merece. Como portavoz do BNG quero agradecerlle a Luís Seara e a Ruth Reza a súa serenidade para resistir mesmo provocacións, con episodios que todas lembramos pero que preferimos esquecer para iniciar un tempo novo, encabezado polo futuro alcalde Luís Seara.

A alternativa non está naqueles que, lonxe de ser parte da solución, foron parte do problema, “cómplices necesarios da desfeita institucional, económica e social destes anos, a solución non está en volver ao peor do pasado desta cidade. Por contra, o BNG aposta por abrir un tempo novo, por un novo comezo para que Ourense recupere o lugar que lle corresponde e que nunca debeu perder”, alegou.

Nas eleccións municipais está en xogo o futuro e a dignidade desta cidade e eu teño a certeza de que imos gañar o partido con Luís Seara e cun BNG que ten na cabeza e no corazón un Ourense de luces que, entre todos e todas, podemos acender”, concluíu.

Presentación candidatura Luís Seara BNG Ourense2
A Concelleira Rhut Reza dirixíndose a un ateigado Teatro principal

Pola súa parte, Luís Seara reivindicou “a política con maiúsculas”.

Pídovos que non merquedes ese discurso de que a política é algo malo, nocivo, de que todas as persoas que nos dedicamos á política somos iguais, porque cando facemos iso estamos abrindo a porta de par en par ao fascismo e ao populismo. A política non é a mera busca de eficacia, estratexia e acción organizada, de administrar o poder e os recursos. A política é vocación de servizo e para iso e por iso eu estou aquí”, salientou o candidato na súa intervención.

Ambición a favor de Ourense

Neste sentido, indicou, “non falamos de asfaltar rúas ou por bancos, que tamén hai que facelo, falamos de transformar unha realidade, non chega con xestionar de modo eficaz e eficiente, hai que ter ambición para desenvolver proxectos que sitúen a Ourense na vangarda das cidades de Europa”, explicou.

Seara subliñou a urxencia de que a cidade recupere “autoestima” e poña en valor “todo aquilo que nos fai sentir orgullosos de nós propios, da colectividade á que pertencemos”. “Esta é a gran tarefa colectiva que temos por diante, a de proxectar para transformar, transformar para devolver ao concello ao lugar que merece, para xerar riqueza e benestar, para sentírmonos orgullosos de pertencer a este marabilloso recuncho do planeta que se chama Ourense”, proclamou emocionado.

Equilibrio entre urbano e rural

O candidato á Alcaldía destacou que a cidade é moito máis que o seu centro urbano, porque é unha realidade “policéntrica” e, polo tanto, é necesario crear espazos de centralidade nos barrios e parroquias do rural”. O equilibrio territorial, engadiu, “ten que verse no deseño das novas infraestruturas, na implantación de novos servizos e á hora deseñar os espazos públicos ao servizo das persoas”.

De feito, indicou, “a humanización dos espazos contribúe a mellorar a calidade de vida, máis tamén son un elemento determinante para crear dinamismo social e económico”, explicou, engadindo que a políticas de mobilidade serán outro dos eixos estratéxicos para o BNG.

Hai unha nova enerxía por aproveitar, un inmenso traballo por percorrer e coa vosa colaboración abriremos un tempo novo, -desde a seriedade e coa convicción de que o cambio político é imparable-, para devolverlle a autoestima as veciñas e aos veciños, para recuperar o orgullo de sermos de Ourense. Estamos preparados porque sabemos o que queremos, sabemos como facelo e temos o proxecto e as persoas para afrontalo”, concluíu Seara.

 

 

Pontón: “Ourense merece moito máis e Seara é o alcalde que a cidade necesita para iniciar un novo rumbo de esperanza”