O PP blinda a Jácome na alcaldía do Concello de Ourense
Basta xa de rirse da veciñanza, o BNG pídelle ao resto de grupos que deixen de xogar coa cidade. Así o manifestan desde o BNG no Concello de Ourense. Lembran os nacionalistas, que foron os primeiros hai case dous meses en propor unha saída á crise institucional do concello
Ourense, 09 de novembro de 2020. Asistimos este luns á enésima convocatoria de xuntanza a instancia de Ciudadanos entre os distintos grupos municipais, sen o convite, eso sí, ao BNG, e asistimos ao enésimo fracaso da mesma. Un BNG que, de todos os xeitos, decidiu fai tempo non volver a participar en reunións ocas de contido e que non serven para avanzar nas solucións ao bloqueo institucional.
Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense xa está ben de que lonxe de aportar solucións, o PP continúe a rirse da veciñanza. Un PP empecinado en seguir enredando e confundindo. Un PP que fala de diálogo pero que veta a quen non lle agrada. Para o BNG é curioso o concepto de diálogo que manexan os populares.
Hoxe, reuníronse as duas versións do Partido Popular, non para desbloquear a situación, senón para repartirse o poder como se de cromos se tratara. So así se poden entender as propostas peregrinas formuladas pola marca branca do PP na cidade, Ciudadanos. Reúnense para simular que fan cando o único obxectivo é autoxustificarse ante a veciñanza.
Desde o BNG insisten, que non lle fagan perder máis o tempo a Ourense, o concello precisa variar o seu rumbo, precisa unha folla de ruta clara, e sobre todo, precisa dar resposta aos problemas cotiás da veciñanza.
A única opción viable é, lembran os nacionalistas, a presentada fai máis de dous meses polos concelleiros Luis Seara e Rhut Reza, moción de censura e que goberne a lista máis votada. Todo o demáis é enredar, perder o tempo e sobre todo, facerllo perder ao conxunto das e dos ourensáns nun contexto socio-económico no que máis que nunca, o concello debera estar traballando a pleno rendimento, de maneira áxil e aportando solucións e respostas ante a grave crise na que nos atopamos.
Para o BNG, é necesario que o PP, causante da situación actual, xa que provocou a crise de goberno coa súa saída do mesmo, recoñeza os erros cometidos, pida perdón á veciñanza e asine a moción de censura.