Presas comprométese a poñer en valor o Patrimonio Histórico de Ourense na acción de goberno do BNG a partir do 12X

  • O BNG leva a cabo unha acción simbólica na Torre de Sande para exixirlle á Xunta que a inclúa no Plan de Rehabilitación xunto as Torres de Porqueira e Sandiás
  • As nacionalistas reivindican a “consolidación e posta en valor das fortalezas e torres” da Limia e Celanova ante o “abandono do PP no patrimonio ourensán”
Presas comprométese a poñer en valor o Patrimonio Histórico de Ourense na acción de goberno do BNG a partir do 12X

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, comprometeuse a que o Patrimonio sexa unha prioridade na acción de goberno a partir do 12 de xullo e poñer en valor as torres defensivas da provincia. A candidata acusou ao Partido Popular de negarse reiteradamente á rehabilitación das torres de Ourense e lanzar en pre-campaña electoral o anuncio excluíndo á Torre de Sande.

O BNG levou a cabo unha acción simbólica reclamando que o PP cese no seu abandono do Patrimonio coa Torre de Sande  tras o anuncio da Xunta de Galiza de que rehabilitará as Torres defensivas de Porqueira e Sandiás. A isto, súmaselle que a torre defensiva de Sande acaba de incluírse na lista vermella de Patrimonio “por risco de derrube” algo que a formación nacionalista xa ten levado á cámara galega “contando sempre co non rotundo do Partido Popular”.

“Parécennos necesarias as rehabilitacións das torres de Porqueira e Sandiás pero entendemos que é un plan incompleto. A necesidade está en poñer en valor todas as torres defensivas do patrimonio cultural ourensán” sinalou a cabeza de lista do BNG. Asemade, sinalou que a partir do 12 de xullo a organización nacionalista comprometese a traballar e priorizar a xestión e rehabilitación do Patrimonio histórico na súa acción de goberno “con criterios obxectivos e de equidade”.

Presas sinalou que as administracións teñen que asumir a responsabilidade de levar a cabo as actuacións necesarias para a súa conservación e garantir a seguridade no seu acceso. Así mesmo o goberno galego tamén “debe contribuír a conservar a memoria colectiva da nosa historia así como valorizar o papel dunha zona afectada polo despoboamento do rural”

A fortaleza, declarada Ben de Interese Cultural en 1949, é unha das xoias medievais da historia de Ourense ademais de estar construída nunha superficie rochosa erguéndose a máis de 500 metros de altura. Asemade, en 2009 o Consello da Cultura prevía a consolidación e posta en valor das fortalezas e Torres da Limia e Terras de Celanova mais o plan abandonouse por “11 anos do Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza”

Hemeroteca para lembrar o pasado recente: debates nas institucións

Ao longo desta lexislatura, a formación nacionalista reivindicou no Parlamento de Galiza a rehabilitación desta construción histórica. A deputada naquel momento e agora cabeza de lista, Noa Presas, levou á Comisión de Patrimonio da cámara galega a posta en valor e a conservación da torre en 2018 e 2019.

Naquel tempo solicitábanlle compromiso ao Partido Popular e ao resto dos grupos da oposición para cumprir a Lei 5/2016 do 4 de maio do patrimonio cultura de Galiza que recollía no artigo 88: “a) Os bens propios da arquitectura defensiva, entendendo por tal todas as estruturas construídas ao longo da historia para a defensa e o control dun territorio do que forman parte. No conxunto da arquitectura defensiva destacan singularmente os castelos, as torres defensivas, as murallas e os muros circundantes urbanos, as construcións defensivas con baluartes e os sistemas defensivos que configuran, os arsenais navais, os cuarteis, as baterías de costa, as polvoreiras e os restos de todos eles, con independencia do seu estado de conservación, de se se encontran soterrados ou descubertos ou de se se integran ou non noutro ben inmoble. Todas estas tipoloxías de inmobles construídos antes de 1849 teñen a consideración de bens de interese cultural.

A todas as reivindicacións que realizou a BNG no Parlamento e no Concello de Cartelle súmanselle as mobilizacións sociais e veciñais da zona que demandaron en reiteradas ocasións a rehabilitación do monumento histórico.

Presas comprométese a poñer en valor o Patrimonio Histórico de Ourense na acción de goberno do BNG a partir do 12X