Presas: “Díxosenos que se duplicaría a capacidade de atención sanitaria e é mentira”

NOA PRESAS SANIDADE
Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza

O BNG denuncia os incumprimentos da Xunta de Galiza coa sanidade pública en Ourense

Presas: “Díxosenos que se duplicaría a capacidade de atención sanitaria e é mentira”

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, denunciou a incapacidade da Xunta de Galiza no referente á sanidade pública na provincia de Ourense. Indicou que non están a funcionar as dúas unidades de Resonancia Magnética no CHUO que prometeran para 2018.

Presas sinalou a incapacidade de xestión dun goberno “esgotado” e cunha “folla de ruta oculta que busca fortalecer á privada” e desmantelar a sanidade pública. A deputada denunciou o incumprimento do goberno de Feijoo lembrando que en 2018 a Xunta anunciou a ampliación os servizos de Radioloxía no CHUO.

Por unha banda, segundo prometía a Xunta e o Conselleiro de Sanidade, contaríase cunha segunda equipa de Resonancia Magnética Nuclear, máis moderna e avanzada; e, por outra banda, prometían a readaptación e mellora dos espazos para duplicar as capacidades, provocando “unha redución á hora de derivar a outros centros”.

Mais, segundo sinalou a deputada do BNG no Parlamento, estas promesas continúan a ser incumpridas polo goberno da Xunta. “Despois de máis dun ano, non se está a usar o equipo antigo ao mesmo tempo e polo tanto non hai unha ampliación real dos servizos” sinalou Presas. Asemade sinalou as mentiras dos populares a respecto da ampliación de servizos: “díxosenos que se duplicaría a capacidade de atención e é mentira”.

“O equipo novo supón un avance, mais ter o equipo antigo e unha parte das instalacións sen usar, supón un mal uso dos recursos” destacou Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza. “As obras desenvolvidas non foron adecuadas e comprometen os protocolos de seguridade, unha nova mostra de como se trata á sanidade en Ourense” sinalou.

Fronte ás promesas incumpridas

Presas destacou o forte compromiso do BNG ante a sanidade pública e a provincia de Ourense. Adiantou que solicitará no Parlamento Galego a comparecencia do Conselleiro de Sanidade, Jesus Vázquez Almuíña, para que pida desculpas públicas “por vir mentir a Ourense”. Asemade, dende o BNG esixirán que Ourense conte con dúas equipas de Radiografía Magnética en activo “para fortalecer a sanidade pública e evitar os desprazamentos á privada e os atrasos”.

Presas: “Díxosenos que se duplicaría a capacidade de atención sanitaria e é mentira”