Presas leva ao Parlamento a situación da sanidade en Verín
O BNG instará á Xunta de que cese no seu afán privatizador
O BNG levará ao Parlamento de Galiza unha iniciativa para corrixir e rectificar as decisións tomadas a cabo pola Xunta e a Consellería de Sanidade. Noa Presas, deputada por Ourense do BNG, será a encargada de defendela após a mobilización histórica na vila de Verín esta fin de semana.
O sábado, 30 de novembro, levouse a cabo unha “mobilización histórica” con máis de 10.000 persoas congregadas no Concello de Verín. Non só participaron da manifestación as veciñas afectadas se non que contou co apoio de moitas veciñas e veciños de concellos da comarca de Monterrei e autoridade institucionais de todas as cores políticas.
“O pobo de Monterrei xa falou esta fin de semana e exixe unha rectificación inmediata” sinalou a deputada do BNG, Noa Presas. O grupo parlamentar do BNG levará á cámara galega unha Proposta Non de Lei (PNL) instando á Xunta de Galiza e á Consellería de Sanidade para que corrixan as decisións tomadas este mesmo martes e será defendida pola deputada nacionalista de Ourense.
A deputada Presas volveu recalcar que esta foi unha decisión “política e non técnica” do Partido Popular e insta á formación conservadora a “saír da súa torre de marfil e rectificar”. Na PNL, o BNG fala sobre a iniciativa en relación ao desmantelamento do Hospital Comarcal de Verín e a necesidade de rectificación por parte da Xunta de Galiza.
Como prioridades dentro da iniciativa que defenderá Noa Presas está a de recuperar “de forma inmediata o servizo de paritorio” así como o servizo de urxencias pediátricas no Hospital de Verín. Mais tamén inciden en recuperar as consultas de dermatoloxía, desmanteladas polo Partido Popular; así como “dota e blindar o servizo do bloque cirúrxico en Verín.
Presas sinala que o PP terá que asumir responsabilidades políticas ante o acontecido por ser unha grave agresión á sanidade pública. Instará á Xunta de Galiza para que abandone a súa estratexia de desmantelamento no Hospital de Verín e na provincia de Ourense así como blindar os dereitos a unha sanidade pública a todas as veciñas do val de Monterrei.