Presentámonos como alternativa para a cidadanía rebelde que quere dar paso a unha nova etapa en Ou
García avanza que a súa prioridade será poñer os recursos do concello ao servizo da creación de emprego para traer de volta a xente moza
Propón a remunicipalización de servizos públicos como antídoto contra a corrupción e un concello cas paredes de cristal
Ourense, 16 de Abril de 2015.- BNG-Asembleas Abertas quere ser a alternativa política de toda a cidadanía rebelde que non se resigna á situación de decadencia que sofre Ourense, de toda a cidadanía que aposta por iniciar unha nova etapa na cidade a partir do 24 de maio. Nesa cita, o Bloque presenta unha candidatura renovada co obxectivo de ser o referente da maioría social que quere para pasar a páxina dun goberno incapaz perdido en liortas internas e que tampouco quere volver ao pasado caciquil e clientelar do PP.
Para todos os veciños e veciñas de Ourense aos que lle doe esta cidade, para todos e todas as que queren recuperar o orgullo da atenas ourensán, o BNG-Asembleas Abertas presenta unha candidatura renovada, de xente honesta e traballadora, cun proxecto político capaz de dar paso a unha nova etapa na cidade, subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence, durante o acto de presentación da candidatura íntegra que lidera Susana García.
Vence fixo fincapé en que o Bloque ten o aval da experiencia dos concellos ao servizo da xente alí onde goberna, e puxo como referente de calidade de vida o modelo de cidade de Pontevedra, recoñecido e premiado a nivel internacional, cun urbanismo sustentable á medida das persoas non da especulación, cunha aposta clara pola economía local, en particular o comercio de proximidade, xeradores de riqueza e emprego, un concello transparente e participativo e libre de corrupción.
Queremos converter Ourense nun referente urbano de calidade igual que fixemos en Pontevedra, temos un proxecto, temos unha equipa e xa demostramos que sabemos como facelo, proclamou Vence.
Ese proxecto de BNG-Asembleas Abertas para a cidade das Burgas ten como obxectivo prioritario a creación de emprego que free a sangría migratoria da xente nova nunha cidade cunha poboación moi envellecida, como explicaba a candidata á Alcaldía.
A nosa prioridade será poñer os recursos orzamentarios do concello ao servizo da creación de emprego para traer de volta a xente moza, Ourense non pode construírse un futuro se expulsamos a nosa xuventude por falta de oportunidades de traballo, proclamou Susana García, quen tamén asegurou que encontrar emprego na cidade non pode depender da rede clientelar dos de sempre.
Diálogo e transparencia
A outra gran aposta da candidatura que lidera Susana García é acadar un Ourense con servizos públicos e de calidade. Neste sentido, BNG-Asembleas Abertas leva no programa a progresiva remunicipalización de servizos básicos privatizados, porque consideramos que se prestan con máis eficiencia desde o público e, sobre todo, porque sería un antídoto contra a corrupción derivada da privatización de servizos municipais como se ten demostrado. Un proceso posible a medio prazo, a medida que vaian expirando as actuais concesións.
Como terceira gran proposta do BNG-Asembleas Abertas, a transparencia e a participación da veciñanza. Apostamos por un Concello coas paredes de cristal, porque é a casa do pobo, a xente desta cidade ten que volver a recuperar o seu concello, que o sinta como a administración máis próxima, que dialoga e aporta solucións, explicou García, un concello que aporte calidade de vida e do que sentirnos orgullosas, concluíu.