"Queremos situar a Ourense no lugar que lle corresponde", di Noa Presas na presentación da lista
"As propostas políticas do nacionalismo teñen que ver con mellorar as condicións de vida das persoas; a nosa prioridade é combater as inxustizas endémicas cara Ourense", dixo Noa Presas, número un da candidatura do BNG por Ourense ao Parlamento galego, durante a presentación da lista.
Presas insistiu en que para resolver a situación de "emerxencia" que vive a provincia de Ourense é preciso que "o nacionalismo sexa determinante" e sexa quen de condicionar "cambios profundos" para situar a Galiza e a Ourense no lugar que lles corresponde.
A candidata nacionalista, de 28 anos de idade, licenciada en filoloxia e membro da Executiva Nacional do BNG, sinalou que o Bloque aspira a algo máis que a unha simple xestión. E advertiu que "para garantir os dereitos sociais e o desenvolvemento das capacidades de Ourense hai que ter representantes que desobedezan as imposicións de Madrid e que esixan o que nos corresponde en lugar de render pleitesía".
Noa Presas estivo acompañada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e os membros da candidatura por Ourense, na que están integrados representantes de todas as comarcas da provincia.
Noa Presas participará este xoves, 18 de agosto, na presentación da candidatura en Valdeorras. Serás ás 19:00 horas no Malecón do Barco, xunto a Xesús Vilasánchez e Sofía Carril. Despois, visitarán as cobas de Vilamartín e manterán un encontró con veciñas e veciños.