Seara: “Fronte a improvisación fai falta planificación. Fronte a intransixencia e arrogancia, diálogo”
O BNG sinalou a ineficacia da xunta de voceiros e criticou a actitude pouco dialogante da equipa de goberno PP-DO no Concello de Ourense
O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense criticou a actitude arrogante e intransixente do cogoberno municipal na xunta de portavoces. O voceiro da formación nacionalista instou a pensar nas persoas “como prioridade” e nun modelo de cidade que humanice o concello atendendo aos barrios e os núcleos de poboación rurais.
Despois dunha tensa xunta de voceiros no Concello de Ourense, o voceiro do BNG, Luis Seara, cualificou de “insulto á intelixencia e tomadura de pelo non só ao BNG senón a todas as veciñas e veciños”. A reunión mantida polo conxunto da representación municipal baseouse na aprobación do plan inicial proposto polo co goberno “sen aceptar ningún tipo de achegas” propostas polo BNG e ningunha outra do resto dos grupos da oposición. “Trataron á oposición como meros tramitadores das achegas do goberno da cidade” indicou o voceiro do BNG.
O co goberno de Ourense presentou un plan de obras “totalmente parcial, sen temporalizar e nalgúns casos con escaso orzamento e só pertencentes á area de infraestruturas e ningunha das areas de medio ambiente ou o propio CMD”. Para o voceiro do BNG, Luis Seara, esta presentación atende a que o co goberno municipal funciona por “compartimentos estancos” onde se ve a ineficacia e a escasa visión de conxunto que posúen ambas formacións políticas que gobernan o concello, PP e DO.
Asemade, a formación nacionalista indicou que o plan de obras presentado “colide co Plan Estratéxico Termal ademais de que converte a finca Santa Mariña nun terreo para edificar unha grande infraestrutura” mais sinalaron que “non conta coas demandas dos barrios nin cos núcleos rurais: non humaniza a cidade”. Seara recalcou que a actitude do co goberno baseouse na pretensión de que todos os grupos da oposición dixeran “si ou non como se o debate do modelo da cidade se puidera realizar nun minuto”.
“Fronte a improvisación, fai falta anticipación e planificación. Fronte as ocorrencias, modelo de cidade. E fronte a arrogancia e intransixencia, diálogo e consenso” afirmou Seara concluíndo que “as persoas teñen que ser a prioridade absoluta e non é o momento de obras suntuosas”.