A veciñanza de Rairo e as súas reivindicacións serán protagonistas no Pleno deste venres da man do BNG

Erea Blanco, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Rhut Reza
Erea Blanco, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Rhut Reza

Melloras no transporte público, completar a rede de saneamento, reforma integral do parque infantil ou axustes na recollida de lixo e o alumeado, son algunhas das cuestións que a veciñanza da parroquia de Rairo leva tempo reivindicando e que o Grupo municipal do BNG trasladará ao Pleno deste venres

A veciñanza de Rairo e as súas reivindicacións serán protagonistas no Pleno deste venres da man do BNG

Ourense, 30 de xullo de 2025. Desde hai moito tempo por non dicir anos, a veciñanza de Rairo ven reivindicando unha serie de melloras na parroquia que respostan a necesidades en ocasións básicas e que por desgraza a día de hoxe seguen sen estar resoltas pero que de executarse, contribuirían á mellora da calidade de vida das persoas residentes neste núcleo poboacional.

Ao longo das últimas semanas e como consecuencia do contacto permanente que o BNG vén mantendo co tecido veciñal, os nacionalistas trasladarán ao Pleno do Concello de Ourense as principais reivindicacións da veciñanza desta importante parroquia do rural ourensá.

Tal e como sinala o Portavoz nacionalista Luís Seara, “a maior preocupación para a veciñanza de Rairo, ao igual que acontece noutras parroquias do concello, está relacionada co transporte público, un Servizo que se ten revelado a día de hoxe como básico e fundamental” e engade, “precisamos que o Servizo, máis concretamente as liñas e os horarios se adapten á vida cotiá da maior parte da veciñanza. É certo que o Goberno Local leva moito tempo anunciando modificacións no mapa de liñas. Algunhas xa se implementaron e non temos dúbida de que todos os cambios introducidos ou previstos están destinados a mellorar o Servizo”.

Outra das eivas históricas ten que ver coa rede de saneamento xa que actualmente existen en Rairo “unha serie de vivendas que, debido a falla de saneamento e rede de sumidoiros, verten directamente o regato do Chis as súas augas residuais. A veciñanza urxe unha solución definitiva, solución que, loxicamente, pasa pola construción neste ámbito, da rede de sumidoiros necesaria para recoller todas estas augas residuais para a súa correcta depuración e pór fin aos verquidos actuais”.

A reforma integral do parque infatil existente e que actualmente supón un risco para a integridade das nenas e dos nenos que queiran facer uso do mesmo, a limpeza e o desbroce de camiños e predios de titulariedade municipal, melloras no alumeado público ou axustes no servizo de recollida de lixo son outras das peticións formuladas pola veciñanza pero que até o día de hoxe “non atoparon resposta por parte do Goberno Local”.

Seara ten claro que “falamos de pequenas melloras que contribuirían á mellora da calidade de vida da veciñanza de Rairo. Cómpre prestar atención ás súas demandas, achegar solucións á maior brevidade posible e manter un diálogo permanente con elas e con eles á hora de tomar decisións que afecten á parroquia”.

A veciñanza de Rairo e as súas reivindicacións serán protagonistas no Pleno deste venres da man do BNG