SUSO VILASÁNCHEZ, NÚMERO 2 DA LISTA AO PARLAMENTO

“Asistimos á laminación sistemática do servizo sanitario comarcal”

suso
suso

Son Suso Vilasánchez. Son enfermeiro en Viana do Bolo e Vilariño. Levo máis de trinta anos en isto. Antes estiven case 25 anos no Hospital do Barco. Fun dúas veces director de enfermería e supervisor de unidades. Acabei a carreira no ano 1981 e o meu primeiro destino foi en Canarias. Por unha cuestión ética. Dimitín por severas discrepancias. Era difícil seguir naquelas condicións. Condicións que fan que unha persoa normal teña que enfrontarse ao sistema. Foi hai seis ou sete anos. Empecei a facer o que tiña que facer: defender a sanidade pública desde un sindicato, no meu caso, a CIG. Agora mesmo son delegado sindical na área sanitaria de Valdeorras.

Eses 25 anos no Hospital do Barco foron os que me permitiron coñecer ben a xestión sanitaria e ser capaz de interpretar o que está pasando na sanidade.

“Asistimos á laminación sistemática do servizo sanitario comarcal”

Que custes persoais ten unha decisión coma a que ti tomaches?

Unha vez que sas e empezas a ter unha relación pública co BNG sabes que che imporán límites profesionais. Sei que non volverei a ser outra cousa que enfermeiro de base. Pero iso non me importa. Sei que son unha persoa molesta, e cando me levanto pola mañá me digo que vou a ser unha persoa molesta defendendo ao persoal sanitario.

Que está pasando na sanidade pública?

Na zona do Barco é moi claro. Estamos asistindo a unha laminación sistemática do que era o servizo sanitario comarcal. Vimos como se crearon unha serie de hospitais comarcais que tiñan relación coas necesidades da poboación, en función das pirámides de poboación e as patoloxías habituais. Despois crearon o que se chama área de xestión integrada, que será mala ou boa segundo se xestione. Pero desde o 2009 o goberno de Feijoo intenta privatizar a sanidade e facer dela un negocio. Entón a progresión dos hospitais comarcais freouse e empezaron a recortarse cousas. O que promoven son pequenos centros de especialidades, por chamalos dalgún xeito. Pérdense especialidades: cardioloxía, uroloxía... deixas de ter cubertas as urxencias desas especialidades. E fóra do ámbito hospitalario é inda peor. Aí o que vemos é unha masacre do servizo público. Hai consultorios que se pechan no verán e nin poñen escusa. Colgan un cartel que simplemente di: ‘Debido a la no cobertura de personal sanitario este centro permanecerá cerrado’. E tan panchos. Hai consultorios nas que as vacacións se cobren a media xornada, ou casos nos que cunha soa contratación se cobren dúas persoas.

Estades facendo fronte a iso?

Pois como podemos. Por exemplo, pedimos que nos digan cales son as patoloxías habituais nunha zona para saber si se están cubrindo esas necesidades. En Valdeorras, por exemplo, as enfermidades respiratorias son habituais. E o que nos contestan é que a zona é pluripatolóxica e que non fai falta un neumólogo. Fan cousas así. En Ourense, desde o BNG, conseguimos demostrar a falsidade dos datos das listas de espera. Na xestión sanitaria os enganos á poboación son alucinantes.

Por exemplo?

Nas listas de espera. O Sergas divide aos pacientes en grupos. Hai dúas listas, unha que lle chaman a estrutural, da que se ofrecen datos; e outra, non estrutural, que conforma una especie de lista de pacientes esquecidos, e desta non hai datos. A xustificación é que os da primeira poden ser programados en calquera momento e os da segunda, non. É falso. Calquera pode ser programado para a súa atención. As cifras oficiais falan de listas de tres meses; os datos reais son outros. Nesa lista de esquecidos hai esperas de ata un ano ou máis. Son xente, por exemplo, a que se lle ofreceu operarse nun hospital lonxe do seu domicilio e rexeitouno porque prefire esperar e operarse cerca da casa.

Cara onde vai ou se está levando ao sistema sanitario públicos?

Do que se trata é de entorpecer a sanidade pública, agrandar as listas de espera, desmontar a sanidade pública e levar aos doentes para a sanidade privada. Unha xogada redonda. Como se fai? Pois empezando polas taxas de reposición, primeiro establecendo o 10% de reposición, despois deixando en precario aos que cobren esas vacantes, coma interinos ou substitutos, que son fáciles de eliminar cando conveña. Esa falta de persoal é a que fai aumentar as listas de espera. Sucede que a sanidade privada inda non está preparada para acoller a todo ese volume de pacientes. Cando o estea, farase. E como? Pois coa mesma lei de garantía, dirán que non pode ser que haxa listas de espera, os mesmos que as provocaron, e que hai que derivar pacientes, que será un dereito, cara o privado.

Por que participas desta candidatura do BNG ao Parlamento galego?

Porque vexo que nós non contamos, que Ourense non conta para ningún goberno de dereitas, porque mesmo gobernan a provincia coma si fora unha finca privada. En certo sentido é por autoestima, porque o país me importa. E é insoportable ver un Ourense despoboado, un deserto, porque nos impoñen políticas agrarias ou no monte que non atenden á realidade deste país. Por iso creo que debemos gobernarnos por nós mesmos.