MONCHO BOÁN, NÚMERO 5 DA CANDIDATURA DO BNG POR OURENSE
"Os alumnos que precisan máis atención están recibindo cada vez menos"
Son Moncho Boán. Son profesor, recentemente xubilado. A miña actividade no nacionalismo empezou con Erga, no 73, tiven participación na NPG no 74, e a miña vida social transcorreu ligada ao mundo sindical. Tiven diversas responsabilidades tanto na Federación do Ensino da CIG como na Confederación. Participar agora desta candidatura non é máis que unha continuidade natural de cincuenta anos de militancia no nacionalismo nas súas distintas frontes.
Cal é a situación do ensino no pais?
Pois pasa o mesmo que na sanidade, na dependencia... non é unha excepción, quero dicir. Claro que o ensino non está só afectado polos recortes, senón tamén pola Lomce, que actúa de maneira moi lesiva contra o ensino público. Por concretar, no que afecta a lingua galega. Non é novidade dicir que o goberno do Partido Popular se distingue pola súa teima antigalega. Instaurou o decreto de trilingüismo pasando dunha situación na que a metade das horas se impartían en galego a outra na que o máximo pode ser o 30%. Mesmo se cambiaron os currículos prohibindo impartir en galego determinadas aulas. Calculamos que menos do 15% da poboación escolar recibe as aulas en galego que debería recibir. A actitude pasiva da Administración promove isto e o resultado é que cada vez hai menos nenos galegofalantes. Xunto ao problema da lingua, está o da privatización, común ao da sanidade.
Cales son as vías polas que se produce a privatización no ensino?
Primeiro pola vía das subvencións. Nestes anos de Feijóo a Xunta está dando máis de 245 millóns de euros cada ano a concertos educativos. E mentres se están dando estas subvencións, redúcense escolas e profesorado no ensino público. A baixada do número de profesores non se corresponde coa de alumnos, é proporcionalmente maior. No último ano suprimíronse 13 escolas públicas e 84 unidades públicas no país ao mesmo tempo que se aumentaron 38 unidades no ensino privado. É dicir, hai unha transferencia económica forte e hai unha transferencia de aulas e alumnado do público ao privado. Se nos imos aos últimos cinco anos, hai 59 escolas menos e 411 unidades escolares menos no ensino público. Nese período hai 243 unidades máis no ensino privado.
Trátase dunha cuestión económica?
Non. É simplemente ideolóxica. A redución dos servizos públicos ten que ver pura e simplemente cunha determinada ideoloxía. As veces dise que privatizan para beneficiar a tal ou cal... Pero no fondo está a ideoloxía que indica que a iniciativa privada ten que estar por riba de todo, que o papel do Estado ten que ser mínimo... É un modelo que aquí tardou máis tempo en aplicarse pero que se está aplicando de maneira brutal.
Que está pasando cos alumnos de atención especial?
Pois están suprimindo unidades de psicoloxía terapéutica ou agrupando unidades de varios centros. Pasa tamén no caso dos orientadores e das aulas de audición e linguaxe... A calidade da atención baixou porque os profesores teñen que ir a distintos centros e hai menos unidades. Os alumnos que precisan máis atención están recibindo cada vez menos.
Por que participas desta candidatura do BNG?
Porque creo que o nacionalismo é a única vía posible para levantar este país. E tamén porque creo que o BNG é unha ferramenta fundamental para poñer en práctica o pensamento nacionalista que ten distintas frontes, como a estudantil, a labrega, a sindical, a ecoloxista, a feminista e, por suposto, a política. E porque o BNG ten políticas para reverter a situación dramática de Ourense.