ÁNGEL AMARO, NÚMERO 4 DA LISTA DO BNG AO PARLAMENTO

"É preciso mapear, comarca a comarca, a realidade LGTBI do país"

angel1
angel1

Chámome Ángel Amaro, nacín no ano 1987 no Pereiro, na parroquia de San Martiño. Emigrei con 13 anos cos meus pais a Alacante. Iso foi no 2001. Alí fixen estudos de Socioloxía, ao rematar fixen dous máster. Fun voluntario na Cruz Vermella, estiven no movemento LGTB e noutros movementos sociais vinculados á universidade e aos temas de ensino. Despois tiven unha beca durante catro anos na Universidade, e agora ando cos estudos de doutoramento a distancia. Vivo en Ourense. No Pereiro.

Dinme de alta no Bloque en novembro do 2015, inda que tiña certa relación coa fronte desde setembro de 2013.

"É preciso mapear, comarca a comarca, a realidade LGTBI do país"

Que traballo tes desenvolvido desde o BNG de Ourense?

Estiven nas listas das municipais de Ourense, como número sete. Dentro da fronte, milito no Movemento Galego ao Socialismo e en Isca. Son activo no movemento LGTBI e tamén traballei cos emigrantes retornados, porque a miña avoa estaba aí. Estou moi implicado en todo o que ten que ver co rural, co retorno e cos feminismos.

Como está o movemento LGTBI en Ourense?

Pois aquí non temos unha organización de referencia. O que hai son moitas activistas LGTBI que traballamos en rede, cada unha no seu espazo. Espazos moi pequenos, é certo. Segundo que tipo de actividades si que hai unha unidade de acción, por exemplo cando a concentración pola masacre de Orlando, nos EE.UU.

Que ten conseguido o movemento LGTBI desde o punto de vista da sensibilización social?

Imos avanzando. En xuño fixemos as primeiras xornadas da diversidade. Durante unha semana enteira houbo actividades. Celebramos a homenaxe a Blanco Amor no cemiterio. Lanzouse a comisión de sexo e diversidade. Tamén un fanzine. Vai habendo cousas pero a nivel micro. Vanse facendo grupos para combater os diferentes problemas do colectivo.

Cales son eses problemas nunha provincia como Ourense?

Basicamente os derivados de vivir nun espazo tan disperso e con xente moi maior. Hai un problema de acceso a servizos públicos no eido da psicoloxía ou da atención temperá para xente en risco de exclusión. Hai un montón de casos aos que habería que prestar atención desde outra óptica. Falo da infancia LGTBI, é dicir, que pasa coas menores transexuais, así como a xente maior LGTBI que vive soa ou illada, ou mesmo en dobres armarios por cuestións de idade e de represión sexual. Hai moitos perfís LGTBI en Galiza que non se dan noutros sitios e que precisan unha atención diferente. O acceso a Internet, en especial nos casos da xente moza, é moi importante para romper ese illamento. O illamento é o peor que hai, e aquí hai moitas máis posibilidades de ficar illado. No que toca á sanidade, son necesarios programas de reprodución asistida, prevención de acoso LGTBIfóbico nas escolas, risco de suicidio... hai un montón de problemas.

Dentro do BNG, que conseguiu politicamente o colectivo LGTBI?

As estruturas partidarias teñen unha débeda co movemento. Hai dez ou quince anos nin había voz nin axenda propia. Non se tiñan en conta as nosas reivindicacións. O BNG está dando grandes pasos. Na asemblea de febreiro xa se meteron nos estatutos varias enmendas en relación ao colectivo LGTBI. Por exemplo, xa se fala de LGTBIfobia no canto de homofobia, de transfobia, de cisexismo. Logo tamén hai cada vez máis activistas que dan a cara, coma o caso de Carlos Callón.

Estamos nunhas eleccións ao Parlamento galego. Que sería o primeiro que tería que facer ese Parlamento polo colectivo LGTBI?

O máis urxente son dúas cousas. Primeira, respecto da lei do 2014, que está moi ben a nivel teórico, habería que reformulala en cuestións técnicas e a nivel galego dotala con partidas orzamentarias. A segunda cuestión sería mapear, comarca a comarca, a realidade LGTBI do país. E ver cal é a realidade en tres eixos: a saúde e a educación, o suicidio e o acoso escolar, e os servizos públicos específicos.

Por que estás no Bloque e nesta candidatura?

Foi produto dunha evolución en clave persoal. Na diáspora militaba na esquerda, logo fun lendo textos moi concretos sobre o independentismo e cando volvín a este país, como independentista, non atopei outro espazo que non fora este. Para min, máis que unhas siglas, o BNG é un espazo político. Eu ligo a causa LGTBI co independentismo: a independencia nacional vai xunto coa independencia sexual e social. Non entendo a primeira sen as outras dúas.

Que razón te impulsou a volver ao país?

Desde logo non foron razóns laborais, porque sigo en desemprego. Supoño que foron razóns emocionais e tamén a necesidade de tentar facer algo aquí no país. A xente alí me dicía que como ía volver para ficar en desemprego, aquí o mesmo... Emigrei con trece anos e acórdome do día, da hora, do golpe que supuxo ir do rural para unha cidade na que non se falaba galego, un contexto urbano antagónico ao que era a miña vida. Penso que inda que se estea en desemprego hai que agarrarse á vida. Pero a día de hoxe a emigración para min sería a última opción.

"É preciso mapear, comarca a comarca, a realidade LGTBI do país"