O bigoberno de Ourense aproba con aleivosía e en pleno mes de agosto a modificación de crédito de 62 millóns de euros
O Grupo Municipal nacionalista lamenta unha vez máis a falla de altura de miras do alcalde ao pecharse a calquera tipo de diálogo e negociación a respecto de dita modificación ao tempo que cuestiona o procedemento seguido
Ourense, 11 de agosto de 2021. O concelleiro Luis Seara compareceu esta mañá diante dos medios ante a publicación no BOP de hoxe, da modificación orzamentaria 2P/2021 por importe de máis de 62 millóns de euros. Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense lamentan unha vez máis a nula capacidade negociadora do alcalde Pérez Jácome e o feito de que "aprobe unha macromodificación en lote, procedemento amplamente criticado no pasado polo agora rexedor".
Unha modificación de crédito que a ollos do BNG, "contén contías e proxectos de dubidosa viabilidade e que non responden á urxente necesidade á que alude continuamente o actual alcalde e que dilapida boa parte do remanente de tesourería".
Seara avanzou que desde o BNG "vimos de solicitar todos os informes que xustifican e avalan o procedemento seguido ao entender que estánse furtando competencias propias do pleno", xa que, "tal e como aparece recollido nos artigos 169.2 e 177.2 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais e 197 bis da LOREG, o pleno é o encargado de avaliar e en último termo estimar ou rexeitar ditas alegacións, no caso de que se presenten".
Luis Seara fixo referencia á xurisprudencia do propio Tribunal Supremo e máis concretamente ao recurso de casación do Concello de Santa Cruz de Bazena, en Cantabria, e na que determina que "unha vez aprobado inicialmente o proxecto, o pleno decidirá soberanamente sobre as reclamacións formuladas polos cidadáns, se as houbese. A partires dese momento non existe posibilidade dun novo bloqueo: o Pleno da Corporación aceptará ou rexeitará as reclamacións".
Igualmente, desde o BNG lamentan o silencio do PP en todo este proceso, sendo parte do goberno e avalando as estratexias e actitudes de Jácome á fronte da alcaldía. Un Partido Popular absolutamente entregado e sumiso.