O BNG esixe o cese inmediato do Concelleiro de Urbanismo do Concello de Ourense e a dimisión do Concelleiro de Seguridade
Desde o Grupo municipal do BNG entenden que coñecido parte do atestado policial relativo o accidente sufrido por Francisco Lorenzo “faise imposible a súa continuidade na Corporación municipal” polo que esixen a súa “dimisión ou cese inmediato”. Ao tempo, esixen igualmente a dimisión do Concelleiro de Seguridade Cidadá por “ter ocultado os feitos sendo coñecedor dos mesmos”
Ourense, 11 de outubro de 2024. O pasado 18 de xullo, o Concelleiro de Urbanismo do Concello de Ourense Francisco Lorenzo, un dos máis estreitos colaboradores de Jácome desde a súa chegada á alcaldía, sufría un aparatoso accidente nunha rúa do barrio da Ponte. Como consecuencia do mesmo, levou por diante parte dun valado de protección da beirarrúa e dándose á fuga antes da chegada dos axentes da Policía Local.
No BNG, o seu Portavoz Luís Seara lembra que “de xeito reiterado temos pedido información ao Concelleiro de Seguridade Cidadá sobre o acontecido e máis recentemente sobre cales eran as conclusións do atestado e ao longo de todos estes meses o único que se nos deron foron escusas e evasivas”, e engade, “agora, coñecido parte do informe sabemos o porqué”.
Seara fai referencia a parte do atestado coñecido no día de hoxe e no que se relata como os familiares máis directos de Lorenzo imediron que os axentes actuantes o puideran entrevistar no seu propio domicilio xa que “saíra de festa cuns amigos e bebera en exceso”. No atestado recóllese que os pais de Lorenzo “non foron nada colaboradores, entorpecendo coa súa negativa a entrevista co seu fillo”.
Para o Grupo municipal do BNG o máis importante e motivo polo cal piden a dimisión ou o cese inmediato de Lorenzo é polo feito de que “os axentes actuantes conclúen que conducía baixo os efectos do alcol e con manifesto desprezo á vida dos demais”. Luís Seara é rotundo ao afirmar que “é absolutamente inxustificable e non pode permanecer no seu posto nin un minuto máis polo que ou ben presenta a súa dimisión ou o Alcalde está obrigado a cesalo de inmediato”.
Desde a formación nacionalista tamén solicitan a dimisión do Concelleiro de Seguridade Cidadá, Antonio Fernández xa que, “ao longo de todo este tempo no que desde a Oposición se pediron explicacións sobre o acontecido e mesmo coñecer cales eran as conclusións do atestado, o único que recibimos foron escusas, evasivas ou silencio. Agora entendemos os motivos o que o convirte en cómplice dunha conducta absolutamente indefendible”.
No BNG teñen claro que o Alcalde Gonzalo Pérez Jácome “é igualmente cómplice pois estamos seguros que coñecía o acontecido desde o primeiro momento e non tivo o valor, non sabemos porqué aínda que o podemos intuir, de cesar a Lorenzo en todo este tempo pese a uns feitos de extrema gravidade xa que todas e todos coñecemos as consecuencias que ten conducir baixo os efectos do alcol”.
Mensaxe ao PP.
Luís Seara sinala ao Populares xa que entende que “todo o que está acontecendo debémosllo ao PP xa que non tivo ningún reparo, a pesar de coñecer os audios e o proceder de Jácome, de investilo novamente como Alcalde do Concello de Ourense en xuño de 2023”.