O BNG alerta que a día de hoxe até 8 dos denominados “busitos” están retirados por avarías ou por non ter superado a ITV
Desde o Grupo municipal nacionalista dan conta do feito de que nas últimas semanas algúns dos “busitos” tiveron que ser retirados da circulación ao non superar as probas da ITV o que, ao seu entender, “da mostra do que xa denunciamos en reiteradas ocasións, a gran estafa que foi a adquisición destes vehículos”
Ourense, 09 de outubro de 2024. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denunciou este mércores a situación na que se atopa a día de hoxe a flota do Servizo de transporte público, unha flota “renovada recentemente, cun investimento de preto de 14 millóns de euros pero con vehículos que xa advertimos no seu momento, non ofrecían as mellores garantías”.
Quen fala é o Portavoz da formación nacionalista no Concello Luís Seara, quen afirma que “a día de hoxe até un total de oito dos novos autobuses, os denominados busitos, atópanse parados nunha nave desde hai días ou ben por avarías varias ou porque, como acontece con tres deles, de momento, non superaron as probas da ITV”.
Desde o BNG sinalan que “esta situación non é nova xa que as avarías nestes buses son constantes e múltiples”, e engaden, “no referido aos problemas para poder superar as correspondentes ITVs, tampouco é algo novo pois xa aconteceu o mesmo en anos anteriores debido a falla de homologación das rodas”.
Para Seara, “estamos diante dun despropósito absoluto pois o Servizo non se está a prestar nas mellores condicións e o Concello ten en propiedade unha serie de vehículos que deberían ofrecer as máximas garantías para traballadores e traballadoras e para usuarios e usuarias e o que temos son vehículos que pasan máis tempo no taller que nas liñas que deben cubrir”. Luís Seara é contundente ao afirmar que “estamos diante da gran estafa dos busitos”.
Novo mapa de Liñas e nova licitación do Servizo.
No relativo ao novo mapa de liñas e á publicación estes días dos pregos de licitación para a prestación do Servizo, desde o BNG afirman que “agardaremos a coñecer os pregos para avalialos polo miúdo, pois como ben sendo habitual co actual Goberno Local, non temos información de ningún tipo”.
“No tocante ao novo mapa de liñas, entendemos necesario escoitar ás traballadoras e treballadores que reclaman aumentar os tempos das liñas xa que coas novas limitacións de circulación polo centro da cidade, de 50 a 30 km por hora e a extensión das liñas, fai que sexa imposible cumprir cos horarios actualmente establecidos de cabeceira a cabeceira”.
No BNG entenden que “débese ter en conta para a calidade do Servizo, que afecta non soamente aos traballadores senón a todas as usuarias, a actualización dus tempos que están obsoletos e que inciden na puntualidade”. Luís Seara pon como exemplo a liña 3, Rairo – Quintela, “actualmente fixada en 40 minutos, tempo imposible de cumprir, salvo que se salten as normas, segundo sinalan as traballadoras e traballadores do Servizo, os que por certo, mellor coñecen as necesidades do mesmo”.