PRESAS: “OS ORZAMENTOS 2025 SON UN REMIX DE INCUMPRIMENTOS CON OURENSE”

Noa Presas, intervén no Parlamento
Noa Presas, intervén no Parlamento

Acusa ao Partido Popular de revalidar a discriminación de Ourense e deixar de lado a sanidade e a política social: nin un só euro para a xestión pública do CAPD, novas residencias de maiores ou reducir as listas de agarda máis altas de Galiza

A Xunta ponse de perfil coa cidade: promesas que xa debían ser feitos, coma o CIS ou o edificio administrativo.

PRESAS: “OS ORZAMENTOS 2025 SON UN REMIX DE INCUMPRIMENTOS CON OURENSE”

A deputada nacionalista por Ourense e portavoz de Facenda no Parlamento Galego avanzou unha primeira valoración do Proxecto de Orzamentos para 2025 que a Xunta vén de remitir ao Parlamento Galego para a súa tramitación.

Nunha valoración inicial Presas afirma que “estes orzamentos son unha mala noticia para Galiza e para Ourense, pois hai que recordar que en realidade falamos dun orzamento recortado porque sobe menos do que incrementou o IPC no ano 2023 e iso vai significar menos recursos para financiar uns servizos que hoxe en día custará prestar máis do que hai un ano”. Para alén das grandes cifras, nas que “o Partido Popular reitera o mantra de que inviste máis por habitante en Ourense e Lugo do que na franxa atlántica, cando é obvio que o problema é que temos un grave problema demográfico” Presas sinala que “os orzamentos para 2025 son un remix de incumprimentos con Ourense”.

Para o BNG é “especialmente grave o panorama que apuntan os orzamentos de sanidade: non hai unha soa aposta nova por ningún centro de saúde novo, simplemente aparece o pendente da Rúa, que por fin se vai materializar despois dunha forte mobilización social e do incansable traballo da alcaldesa nacionalista María Albert nos seus mandatos, e a promesa de seguir a traballar nas parcelas do centro do Carballiño, prometido hai unha década e que nin sequera conta cunha partida específica”.

A deputada insistiu en que “a Atención Primaria, que acumula un recorte de -1.961M€ con Feijoo e Rueda, está nunha situación crítica que estes orzamentos van agravar e a nivel territorial amosan que o Partido Popular ponse de perfil coa cidade: faltan demandas históricas como o Centro de Saúde do Vinteún e só refriten a vella promesa do CIS de Ourense, cando o de Lalín e Lugo xa son unha realidade e o de Vigo estará listo xa no primeiro semestre de Vigo”.

A deputada advirte de que “é especialmente grave a falta de apoios ás necesidades hospitalarias: a mesma Xunta que acaba de sacar unha privatización de case 10M€/ano para privatizar operacións cirúrxicas na Área de Verín, Ourense e Valdeorras destina apenas 226.000 euros para os dous hospitais comarcais malia as súas necesidades e non concreta ningunha partida para demoler o Materno nin construír o novo edificio, evidenciando que o Plan Director do CHUO e as promesas dos últimos meses son unha chapuza

Para o BNG “Outro exemplo da tomadura de pelo á cidade é teñamos que seguir vendo o Edificio administrativo como unha promesa cando o resto das cidades xa teñen unha infraestrutura destas características, acumulando sobrecustes e atrasos como ten denunciado o deputado Iago Tabarés no Parlamento.

Así mesmo, “confírmase o abandono en materia de política social, xa que non se destina un só euro para comprometer a xestión pública do CADP nin para impulsar residencias públicas de maiores” e outro tanto “ao non haber nin unha soa proposta específica para Ourense en materia de industria ou de termalismo, dous ámbitos que o Partido Popular parece decidido a desmantelar

Canto á partida para a Praza de Abastos, a deputada sinala que “é a única novidade e é insuficiente, chega froito da presión de praceiros e do BNG, tanto no ámbito municipal como parlamentario, reiterando emendas aos orzamentos desde hai anos, pero falta un compromiso firme coa restauración do rianxo e a súa posta en valor”

Finalmente lamenta que, outra vez “falten partidas específicas para as promesas de Rueda á cidade, nin termalismo, nin transporte metropolitano, nin plantación de árbores, nin apoio ao campus ou novas especialidades sanitarias e promesas como a conexión co CHUO que aparece na memoria pero non teñen unha partida concreta igual que tampouco a teñen infraestruturas pendentes e prometidas como a prolongación da conexión entre Celanova e Portugal”.

PRESAS: “OS ORZAMENTOS 2025 SON UN REMIX DE INCUMPRIMENTOS CON OURENSE”