O BNG lémbralle ao Goberno Local que a igualdade e a loita contra a violencia machista “vai máis alá dunha foto o 25N ou o 8M”
O Grupo municipal do BNG sinala que a través dunha trasferencia de crédito “baleirouse a partida adicada a programas de igualdade e prevención da violencia de xénero ao non terse executado, o que amosa unha vez máis o nulo compromiso do actual Goberno Local coa igualdade”
Ourense, 29 de outubro de 2024. O pasado venres e logo de asistir á reunión convocada polo Concello de Ourense do Consello Municipal da Igualdade entre mulleres e homes, a Concelleira do BNG Erea Blanco, sinalaba que “ao Goberno Local non lle importa nada que teña a ver coa igualdade, así o demostran facendo Consellos rituais estéticos antes das datas sinaladas”, e engade, “o Samaín comezan a preparalo en xullo mais o 25N o 24 de outubro”.
Mais as críticas nacionalistas aumentan ao ter coñecemento de que a través dunha nova transferencia de crédito, á que o BNG levaba meses pedindo acceso, certifícase como o baleirado da Concellaría e das políticas de igualdade “é unha realidade”. Dita transferencia de crédito tivo por obxecto facer fronte ao pagamento das subvencións concedidas no ano 2022 a 11 entidades do terceiro sector que tendo dereito a ela, non a recibiron ao terse esgotado no seu día o crédito existente, algo que a Concelleira Rhut Reza lembra “vimos reiterando ano tras ano sen que o Goberno Local faga nada para subsanalo”.
Para Rhut Reza “se xa é un despropósito que en 2024 aínda haxa entidades do terceiro sector pendentes de cobrar a subvención do ano 2022, o é máis aínda ao saber de onde saen os cartos para facer fronte a ditos pagamentos. E é que na transferencia 11T, o BNG puido constatar que se moveron 46.000 euros da partida de seminarios, cursos e feiras realizadas polo CIE, 24.000 euros correspondentes a gastos de estudos e difusión e o máis impactante, 16.750 euros dos programas e actividades de igualdade.
Esta última cantidade é a que eleva o ton do BNG xa que como ben sinala Rhut Reza, “a xustificación que figura no expediente para autorizar a transferencia, revela que a este Goberno non lle importan absolutamente nada as políticas de igualdade xa que segundo se recolle, a existencia de crédito suficiente na aplicación débese ao feito de non ter executado actividades e Programas de igualdade e de loita contra a violencia machista na medida das necesidades existentes para garantir así o bo funcionamento do Servizo”.
Para o BNG a única responsabilidade “é da dirección política e polo tanto da Concelleira delegada de Igualdade, quen amosa unha absoluta falta de interese”, e engaden, “as políticas de igualdade e a loita contra a violencia machista vai máis alá dunha foto o 25N ou o 8M, ten que estar presente no día a día da acción de Goberno, algo que por desgraza, non acontece pois temos un Goberno apático e pasivo en materia de igualdade”. Rhut Reza pregúntase en voz alta “para que queremos unha Concelleira de Igualdade, só para sair nas fotos?”.