O BNG inicia unha campaña informativa a prol dun novo modelo de financiamento para Galiza
A formación nacionalista presentou a campaña “Galiza coa chave dos seus cartos” coa que recorrerán a comarca para presentar a súa proposta
Ourense, 15 de outubro de 2024. Esta mañá Sarín Núñez, Noa Presas e Iago Tabarés presentaron unha nova campaña en relación co concerto económico. A campaña recibe o nome de Galiza coa chave dos seus cartos e xa leva un tempo en activo por parte do BNG Nacional e agora buscan trasladala ás comarcas e concellos.
Na súa intervención, Noa Presas afirma que “co modelo actual de financiamento Galiza está perdendo e presenta os últimos datos da liquidación do 2022 onde se reflicte que o estado recadou máis de quince mil millóns de euros das galegas e galegos dos que Galiza só recibiu dez mil millóns”.
A deputada engade que “cando falamos de financiamento falamos de como se nutren as arcas públicas e falamos de como se financian os nosos servizos públicos esenciais” e explica como o modelo actual afecta directamente as arcas públicas galegas. Xa que isto implica que temos menos recursos para prestar servizos e construír todas aquelas infraestruturas que son necesarias para a cidadanía e tamén para financiar aqueles recursos tan necesarios como o son a educación ou a sanidade.
“A relación económica que temos co estado ven dada dende o ano 2009 e tiña que terse revisado dende o 2014, cousa que aínda non se fixo xa que tanto os gobernos do PP como os do PSOE estiveron atrasando este debate e conxelando o modelo actual de financiamento”. Segundo o informe do Consello de Contas entre 2009 e 2021 Galiza perdeu máis de vinte mil millóns de euros, o que implica que Galiza perde cada ano máis de mil millóns de euros.
A campaña contará con varios actos públicos para trasladar as propostas á cidadanía. Estes actos terán lugar en distintos concellos da comarca como en Ourense, O Carballiño ou Barbadás, neste último está programado para o martes 29 de outubro, no resto de zonas aínda está por confirmar.
Tamén que se levarán a cabo varios repartos de folletos e carletería a través de mesas informativas nos diferentes concellos da comarca, entre eles O Pereiro de Aguiar onde terá lugar o xoves 17 deste mes.