Os pregos de licitación do Servizo de transporte do Concello de Ourense son para o BNG “un traxe de 50 millóns feito a medida”
O Grupo municipal nacionalista advirte que logo de ter avaliado polo miúdo os pregos, “a sensación é que todo está perfectamente preparado para que alguén en concreto sexa o adxudicatario, parece un traxe feito a medida, un traxe eso sí de 50 millóns de euros”
Ourense, 14 de outubro de 2024. Na rolda de prensa desta maña do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, o seu Portavoz Luís Seara comezaba lembrando a rolda do pasado 20 de decembro de 2023 para sinalar que, “vai facer un ano comparecimos diante de todas e todos vós para falar da situación do transporte municipal. Faciámolo logo de preguntar en reiteradas ocasións ao Concelleiro delegado polos puntos de recarga para os autobuses eléctricos que levaban meses parados nunha nave”.
“Eu preguntei na Xunta de Área se eses puntos de recarga ían instalarse na nave propiedade da empresa que está a prestar o servizo en precario ao que o Concelleiro constetou afirmativamente. Dixemos daquela que nos parecía insólito que o Concello pagara con cartos públicos, preto de 50 mil euros, uns puntos de recarga nunha nave propiedade dunha empresa privada que, aínda que presta un servizo en precario, non ten ningunha relación contractual co Concello”.
Seara engade que, “tamén afirmamos que este feito podería condicionar o futuro concurso para a xestión do transporte público municipal e concluímos dicindo que remata 2023, nada se sabe do contrato, pero da a sensación de que está feito a medida”. Con estes antecedentes, o Portavoz nacionalista afirma que “non somos adiviños, máis o que era unha sospeita, logo de analizar polo miúdo a memoria e os pregos técnicos e administrativos, converteuse en certeza. Podemos dicir que se materializou o traxe a medida do que falábamos. Un traxe de 50 millóns de euros”.
“Estamos, ao noso xuízo, diante dunha licitación que nace viciada porque conculca un dos principios máis elementais de calquera contratación pública, o principio de igualdade, que consagra que a administración non pode cometer arbitrariedades e dar trato de favor a ningún licitador”.
Diante desta afirmación tan rotunda, desde o BNG desgranaron algúns dos elementos presentes nos pregos e que máis suspicacias suscitan como por exemplo que no prazo de 45 días, a empresa que opte ao contrato teña que presentar un plan de explotación do servizo. Nese plan, entre outras cuestións, “ten que constar unha nave que, ademais de ser apta para a actividade, cumpra cunha serie de requisitos, é dicir, que reúna as características que se definen no prego como pode ser, capacidade suficiente para albergar 40 autobuses, maniobrabilidade dos mesmos, taller, lavado, tratamento de residuos e a maiores achegar un proxecto de electrificación”.
No BNG entenden que abonda con ir ao prego de prescripcións técnicas e comprobar como dentro del está inxerido un informe técnico para electrificación, de 129 páxinas, o único informe que consta na documentación, feito por unha empresa especializada para o Grupo Avanza, “unha empresa que foi concesionaria do Concello e que a día de hoxe xestiona o servizo en precario. Mírese por onde se mire, como mínimo é sorprendente”.
Seara ten claro que “podemos afirmar que hai un evidente trato de privilexio á actual empresa que xestiona o servizo porque ésta xa ten unha nave da súa propiedade e ademais xa ten un proxecto de electrificación bendecido polo Concello e que fai parte dos pregos técnicos. O resto das empresas terán que buscar un espazo e deseñar un proxecto de electrificación que poida competir co de Urbanos de Ourense”.
“E iso materialízase dun xeito concreto na parte subxectiva da valoración, ou de xuízo de valor, como así se define nos pregos de cláusulas administrativas do concurso. O feito de ter unha nave, na que se poda facer mantemento, limpeza e tratamento de residuos, xunto co proxecto de electrificación, puntua 24 puntos sobre 100 no concurso, soamente o proxecto de electrificación supón ate 16 puntos, o que coloca nunha posición de clara vantaxe a actual empresa prestadora do servizo en precario fronte ás demáis licitadoras”.
O Portavoz da formación nacionalista vai máis alá xa que segundo sinala, “o propio prego de claúsulas administrativas establece, e leo literal, “puntuación mínima nos criterios suxeitos a xuízo de valor. Co obxecto de garantir unha calidade mínima das ofertas técnicas, establécese a esixencia, para a admisión das ofertas, dunha puntuación mínima do 60% do total acadable nos criterios suxeitos a xuízo de valor. En consecuencia, aquelas ofertas que non acaden, no apartado de criterios suxeitos a xuízo de valor, unha puntuación mínima de 24 puntos, serán excluídas do procedemento”.
A conclusión, a ollos do BNG “é que parece difícil que diante de algo tan burdo, tan evidente, as empresas do sector interesadas no contrato fiquen quedas, co cal hai un risco evidente de que se presenten recursos e este proceso de licitación quede en nada e voltemos á casiña de saída, sen contrato e pagando un servizo en precario a prezo dun contrato novo, que ao mellor é o que busca o Alcalde. Se isto último acaba acontecendo, a quen lle vai botar a culpa?”.
Seara concluíu dicindo que desde hai días teñen pedido acceso, vista e copia do expediente completo do co gallo de poder “ver todos os informes que obran nel e ter máis elementos de xuízo”.