MOCIÓN SOBRE O TEITO DE GASTO PARA O EXERCICIO ORZAMENTARIO DO 2014
O exercicio orzamentario do 2013 é un ano perdido para a cidade de Ourense porque o grupo de goberno non foi quen de aprobar uns orzamentos para este ano e contentouse con prorrogar os de 2012.
Isto demostra que non ten un proxecto de cidade propio, que é incapaz de xestionar e mais vulnera o compromiso adquirido co BNG no ano 2012 cando o PSOE se comprometera a cambiar a estrutura dos orzamentos do 2013 coa finalidade de eliminar gastos ficticios, duplicidades nas diferentes áreas de goberno, racionalizar o orzamento para persoal e modificar o sistema de subvencións ás entidades sociais para que todas se adxudiquen mediante o sistema de concorrencia competitiva, que é o máis xusto posible.
Desde que a concellería de Facenda é responsabilidade do PSOE os orzamentos do Concello de Ourense nunca foron aprobados antes do comezo do exercicio. Sería conveniente abandonar este costume e comezar xa a elaboración dos orzamentos para o 2014 co fin de que poidan estar aprobados antes de rematar o ano. Para isto, é imprescindible coñecer o teito de gasto do Concello de Ourense, que xa debería estar determinado.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1.- Que se aprobe o máis axiña posible o teito de gasto para o ano 2014 co fin de poder comezar a elaborar os correspondentes orzamentos e que estes poidan ser aprobados dentro dos prazos legais.