NOA PRESAS E SUSO VILASÁNCHEZ PARTICIPARON POLA MAÑÁ EN MONFORTE NUN ACTO DE REIVINDICACIÓN DO GALTREN
O GALTREN solución de futuro para unir vilas e cidades
Para o BNG o GALTREN está chamado a ser o tren de referencia de Galiza nas conexións entre vilas e cidades, superando a fragmentación entre FEVE e RENFE, pois con independencia do largo da vía e do diferente material rodante, permitirá un coordinación entre servizos, ao ter unha dirección operativa única.
Noa Presas e Suso Vilasánchez desprazáronse esta mañá ata Monforte onde se encontraron con Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo, para presentar a iniciativa coa que o BNG pretende renovar o modelo de transporte de viaxeiros en Galiza: o Galtren.
O Galtren é unha aposta pola construción dunha rede ferroviaria moderna, compatíbel para o tráfico de persoas e mercadorías, que primara a mobilidade interior, e con conexións con Portugal e a Meseta.
“Queremos ter a capacidade plena, a competencia exclusiva dos servizos ferroviarios para o que imos constituír un ente público ferroviario galego que xestione os servizos de proximidade”, explicou Presas, que puxo como exemplo da desfeita do actual servizo que “para viaxar desde Ourense a Vigo se recomende pasar por Compostela porque se chega antes debido a falta de frecuencias para unha viaxe directa”. E insistiu en que “Galiza segue sen tren de cercanías”.
O Galtren constituirase como unha entidade plenamente pública, dependente do Goberno galego, onde se aglutinen todos os servizos ferroviarios que transcorren polo país.