Acto contra a reforma da Lei do aborto que pretende o goberno do PP

Acto contra a reforma da Lei do aborto que pretende o goberno do PP

Vigo, A Coruña, Compostela, Ourense, Lugo e Cee acollen mañá actos simbólicos convocados polo Bloque

Co obxectivo de dar resposta aos ataques do PP aos dereitos das mulleres e para defender a alternativa dun aborto libre e gratuíto na sanidade pública, o BNG fai un chamamento para participar mañá nas diferentes mobilizacións que terán lugar nas cidades e vilas galegas.

• Vigo: diante da Colexiata ás 20.30 horas.

• A Coruña: diante da delegación do goberno (Praza de Ourense) ás 20.30 horas.

• Compostela: xardíns do Mosteiro de San Martiño Pinario ás 20.30 horas.

• Ourense: diante do CHOUO (Centro Hospitalario) ás 19.30 horas.

• Lugo – praza de Santa María (diante do Obispado) ás 20 horas.

• Cee: diante do hospital ás 19 horas.

Asemade anima a participar na mobilización nacional convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (www.feminismo.eu) da que forma parte o Bloque, para o vindeiro 16 de xuño.

Baixo o lema “O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto”, o Bloque está levando a cabo unha campaña nacional en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres acadados historicamente que garantan a capacidade das mulleres de decidir sobre os seus corpos.

O BNG quere transmitirlle á cidadanía a necesidade de defender estes dereitos e a esixencia de que as mulleres que o así decidiren poidan realizalos en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas.

Fronte á reforma do PP

O Bloque considera que a proposta de reforma do PP, avalada e impulsada de xeito entusiasta pola Conferencia Episcopal, responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria que ataca os dereitos das mulleres e nega o control das súas vidas e dos seus corpos.

Porén, o BNG tamén quere poñer enriza da mesa o forte compoñente económico que acompaña á idea de que as mulleres deben regresar aos papeis tradicionais de nais e coidadoras, de tal maneira que se faga recaer nelas todos os servizos que o Estado deixa de prestar co desmantelamento dos servizos públicos.

Propostas do Bloque

Ademais de presentar unha proposición no Parlamento galego contraria á modificación da actual Lei 2/2003 de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, que foi debatida o pasado 15 de maio, o BNG levará a cabo iniciativas tamén nos concellos co obxectivo de que non se dea nin un paso atrás a respecto desta norma.

Así, o Bloque mocións nas entidades locais para instar á Xunta de Galiza a solicitar que non se modifique de xeito involutivo a lexislación actual e que garanta que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios. O BNG pretende deste xeito garantir a igualdade no acceso a esta prestación.

O BNG tamén solicitará que, coincidindo coas mobilizacións, os concellos penduren da bandeira galega que ondea no consistorio un lazo lila e realicen, dende as áreas de igualdade, campañas de información sobre a actual lei e os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

Acto contra a reforma da Lei do aborto que pretende o goberno do PP