Xosé Somoza: O Bloque síntese con autonomía para non apoiar ao PSOE
Entrevista ao Portavoz Municipal, Xosé Somoza, na Voz de Galicia 26-05-13
A crise dos gastos impropios ampliou a distancia entre os ata hai uns meses socios do goberno municipal de Ourense. No grupo nacionalista o malestar é moi evidente. E non o ocultan.
-O BNG síntese con autonomía para non apoiar a un PSOE que non nos fai moito caso. Non hai confianza neles. Non poden pedir cortesía sen ofrecer nada. Somos representantes dunha organización política, non tres colegas que pasaban por alí.
-¿Cre que non lles fan o caso que reclaman porque saben que unha moción de censura é inviable, é dicir, que vostedes non apoiarían a un alcalde do PP?
- Está claro que os condiciona saber de nós. Ao mellor é que non acaban de vernos na oposición. Estamos e estaremos fronte ao PP, pero tamén fronte ao que trata de impoñer o PSOE. Non nos poden facer culpables dos seus fracasos, ou do seu descontrol, ou da súa desorganización. Teñen un problema interno moi grave que non dan solucionado.
-¿Sería posible un pacto de goberno no escenario actual?
-Moi difícil. Xa na etapa da última negociación se viviu unha situación de cabreo no BNG polo trato que recibiamos, pola duplicidade de funcións, por pisar as nosas competencias e por unha clara falta de respecto.
-Pinta vostede un negro panorama da vida municipal...
-A situación do Concello empeza a ser excepcional en Ourense. Falamos dun concello xudicializado, con problemas que aínda están por vir, sen orzamentos, sen políticas encamiñadas, en situación de crise e parálise. O Concello ten que ser un motor de crecemento, e non é así: hai outras preocupacións. Ninguén quere asumir responsabilidades, ninguén quere firmar nada. O custo desta situación pode ser enorme.
-¿Dixo problemas por vir?
-Marga Martín.
-¿Vea imputada polo asunto da axuda a domicilio?
-Non o sei, pero de producirse unha imputación pediremos a súa dimisión, como xa teñen feito, por certo, os outros grupos.
-Falan dende o PSOE de belixerancia extrema, de agresividade esaxerada e hostilidade por parte da outra oposición.
-Tamén o vexo así. Noutras cidades é diferente. Igual é para tapar as cousas de Santiago ou as da Deputación de Ourense. O PP o que quere é chegar ao poder a calquera prezo e atrapállao todo. No caso de DO, é que non ten programa político nin tampouco dirección clara. O seu é denunciar sen máis. E todo é denunciable...
-E nesas que unha concelleira do PSOE, Susana Bayo, pide as contas do seu propio grupo, e precipita o escándalo do gasto en alcol. ¿Que lle parece o proceder da concelleira?
-Constata a división. Creouse un problema que alcanzou unha magnitude que ela, seguro, non era capaz de adiviñar. Está claro que non hai lealdade para o grupo co que está traballando.
-A vostedes tamén lles choveron críticas por pagar con cartos do Concello o aluguer da sede da organización.
-Nós cremos que necesitamos ese espazo para facer traballo político. No Concello de Ourense non temos un local axeitado. Propúxenlle ao portavoz do PP, Rosendo Fernández, que nos cambiara o deles, e se nos deixan as chaves para ir pola tarde, renunciariamos ao aluguer.
-Empezouse co ron e acabáronse poñendo en solfa as asignacións mesmas.
-É o que ten a crise. Os políticos temos que ter moi claro que calquera gasto de fondos públicos ten que ser revisado e tamén é criticable. Temos que ser moito máis comedidos. Chega a ser indignante que se gaste alegremente. Outros fano.
-Teñen chamado a atención do alcalde para que depure responsabilidades políticas no que xa chamamos o caso do ron.
-É que pensamos que non nos teñen respecto. Non tiñan que aceptar as nosas propostas no pleno da reprobación. Pero fixérono. Non nos vale pasar páxina e supoñer que coa pena mediática está todo zanxado. Ata llo poñemos fácil cando lle dicimos que sexa alguén do grupo municipal e non do goberno. Nin así acaban de decidirse a pechalo. E teñen que facelo.
-Como coa Pokemon: Fernando Varela dimitiu nun día e o exalcalde aínda resistiu...
-Fan moi mala xestión das crises, ou minicrises, é igual. Andan con panos quentes.
-Dada a excepcional situación do Concello, ¿sería posible un goberno municipal de concentración, contando con PP e DO?
-Evidentemente, non. Non é viable. As outras dúas forzas da oposición teñen unha maneira de facer política totalmente distinta á nosa. Non é posible.
Xosé Somoza non cre que houbera tres BNG diferentes no Concello de Ourense dende o 2007. Dous no goberno: o primeiro a Tenencia; segundo Isabel Pérez; e o terceiro, o actual, xa na oposición, máis xuvenil e menos aburguesado...
-Había persoas diferentes. Só e iso. Vémolo diferente porque xa empezamos como concelleiros na oposición. E sen ataduras.
-Seguimos sen orzamentos.
-Xa dixemos que queremos un plan de emprego e tamén axudas para as concellerías cuxa actividade afecta ás persoas máis necesitadas. E apoio á cultura popular. Apoiamos a investidura buscando unha política de esquerdas, próxima á cidadanía, pero non percibimos así a xestión do goberno local.
-¿E o PXOM?
-A partir da exposición ao público veremos o sentir da cidadanía. Falaremos despois.
-¿Que sensación ten despois de ter participado en reunións cos redactores do PXOM?
-Boa. Xa dixen que a consultora que está a facer este traballo inspírame confianza.
-¿Sairá Foster do debate?
- Esperemos. Cando o alcalde di aquilo de unha estación de «semellante categoría», vemos un avance. O problema é que viven noutra época. Xa lles teño comentado que é como se viviran nun castelo, na Idade Media, sen ver o que hai no exterior.
-Por certo, ¿cree que tantos frontes xudiciais abertos provocan temor á hora de traballar?
-Sen dúbida. Máis papel, máis informes, máis á defensiva... Ninguén quere firmar nada.