O BNG acada un acordo unánime provincial para ampliar a AG-31
Bernardo Varela consegue o apoio da Deputación provincial para ampliar a autovía entre Celanova e fronteira Portuguesa na Madalena (Lobios) como aposta estratéxica para permeabilizar Ourense co norte de Portugal
Ourense, 25 de marzo de 2022. O Voceiro do Grupo Provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, presentaba ante o ente provincial unha moción para demandar a ampliación da autovía entre Celanova e a fronteira potuguesa, unha demanda que o BNG xa presentara ante o ente provincial nos anos 2014 e 2017 tras a paralización do proxecto polo goberno de Feijoo.
Esta ampliación até a fronteira portuguesa da autovía AG-31 que actualmente remata en Celanova, suporá un incremento da circulación de persoas e mercadorías que favorecerá os intercambios entre Ourense e Portugal e mesmo co resto de Galiza, e polo tanto coa conseguinte mellora de oportunidades socioeconómicas de Ourense.
Varela tamén fixo referencia ás obras propostas pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para a mellora da estrada actual, que é escasa e non supón unha aposta estratéxica para artellar Ourense co norte de Portugal. “A obra de mellora proposta pola conselleira non resolve os problemas que suscitaron a demanda da realización desta obras.”
Esta situación ten acontecido infinidade de veces nesta provincia e debemos dicirlle á Xunta de Galiza que as obras propostas pola Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade non nos valen, porque as obras propostas pola Xunta non van reforzar a permeabilidade con Portugal e que tanta falta fai, subliñou o voceiro do BNG durante o debate no pleno provincial. “Mentes, o goberno portugués si ten clara a necesidade de xogar a baza transfronteiriza de ligar Galiza co Norte de Portugal e esa é unha baza que debemos afrontar nos fronte ao Estado español”
O voceiro nacionalista mostrou a súa satisfacción por concitar o apoio de todos os grupos e da visión compartida da necesidade estratéxica desta infraestrutura para os intereses da provincia. Así mesmo, convidou a todos os partidos a seguir defendendo a ampliación desta autovía, que conectará a capital Ourensá coa segunda e terceira cidade de Portugal, presionando ao Estado e á Xunta de Galiza.