O BNG leva ao pleno do Concello de Ourense deste venres a necesidade de mellorar a rede ferroviaria de proximidade e media distancia
A restitución inmediata das liñas suprimidas, e de forma urxente a do Avant Ourense – A Coruña das 06:45h ou a rebaixa de cando menos un 30% do prezo da liña Avant Ourense – Santiago – A Coruña, actualmente un 60% máis cara que as liñas atlánticas son algúns dos puntos de acordo da moción
Ourense, 30 de marzo de 2022. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense presenta para o pleno previsto para este venres 01 de abril unha moción relativa a mellora da rede ferroviaria interior de Galiza.
Segundo a formación nacionalista, a situación actual na que se atopa a rede ferroviaria galega, rede cun gran déficit, deterioro e abandono de infraestruturas ferroviarias é consecuencia de decisións arbitrarias e inxustas, adoptadas durante anos polos gobernos español e galego.
Desde o BNG, lembran que apostan por unha mobilidade que responda ás necesidades das galegas e galegos e que contribúa á vertebración e ao desenvolvemento do país. É por iso que demandan que a Xunta de Galiza asuma todas as competencias en materia de ferrocarril interior entre outras.
Pero se a situación a nivel galego é preocupante, para o BNG, a de Ourense aínda o é máis se cabe. A chegada do AVE, con máis de vinte anos de atraso, non se acompaña dun axuste dos horarios para facilitar a mobilidade interior, senón que se están a dar moitos problemas porque a prioridade é a conexión con Madrid.
Para os nacionalistas, cómpre máis oferta e que os horarios poidan ser útiles á poboación que se despraza para estudar ou traballar. É necesario impulsar unha oferta nas liñas coñecidas como “rexionais” entre Santiago, Vigo, Valdeorras e a cidade de Ourense pois a día de hoxe é dificilísimo desprazarse en tren.
O BNG do Concello de Ourense solicitará do pleno Instar á Xunta de Galiza a asumir todas as competencias en materia de ferrocarril interior e instar ao Goberno do Estado á restitución inmediata das liñas suprimidas, e de forma urxente a do Avant Ourense – A Coruña das 06:45 horas.
A mellora da oferta horaria para facilitar os desprazamentos por razóns de estudos e traballo. A rebaixa de cando menos un 30% do prezo da liña Ourense – Santiago – A Coruña, actualmente un 60% máis cara que as liñas atlánticas. O aumento das liñas rexionais entre Ourense – Santiago, Ourense – Vigo e Ourense – Valdeorras para dar cobertura ás paradas intermedias hoxe abandonadas ou a recuperación das paradas de tren alí onde haxa apeadeiros ou estacións son puntos de acordo na moción rexistrada.