O BNG advirte da perigosa deriva do Concello de Ourense e das actitudes cada vez máis dictatoriais do Alcalde, “algo que nós non ímos consentir”
As faltas de respecto constantes, a dirección dos Plenos e as dificultades para o lexítimo dereito da Oposición a exercer o control e a fiscalización da acción de Goberno “teñen que rematar”
Desde a formación nacionalista anuncian a presentación dunha proposta de modificación do Regulamento de Organización pois entenden que o actual “está desactualizado e non resolve problemáticas que se dan a día de hoxe no funcionamento orgánico do Concello ou nos Plenos”
Ourense, 10 de outubro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, coa excepción do Concelleiro Xosé Manuel Puga, quen non puido acudir por motivos persoais, compareceu esta mañá diante dos medios para avaliar o acontecido nas últimas sesións plenarias e para anunciar a presentación de varias iniciativas encamiñadas a mudar o que consideran “un despropósito que vai en aumento”.
A Concelleira Erea Blanco adiantou que “trasladaremos en vindeiras datas a nosa proposta de modificación do Regulamento de funcionamento Orgánico do Concello de Ourense”. Blanco lembrou que, “xa no pasado mes de xuño falamos das nosas liñas de actuación nos vindeiros catro anos e levamos meses traballando na modificación do Regulamento. Entendemos que o funcionamento do Concello non está sendo adecuado e que está na nosa man modificar esta ferramenta que debera actuar en favor da participación e do debate e non servir aos intereses de quen nese momento estea no poder”.
Na formación nacionalista entenden que o actual Regulamento de Organización “está desactualizado, non resolve problemáticas que se dan a día de hoxe no funcionamento orgánico do Concello ou dos Plenos e debe ser unha aposta política pola transparencia”.
O Portavoz municipal Luís Seara fixo fincapé no acontecido nas últimas sesións plenarias nas que o Alcalde, “afeitos como nos ten a dirixir o Pleno como se dun tirano se tratase e a dificultar o lexítimo dereito da Oposición a exercer a fiscalización e o control á acción de Goberno agora deu un paso máis, coartando competencias atribuídas ao propio Pleno”.
Seara refírese ao acontecido co acordo da modificación de crédito 2P/2023 e na que a través de insultos impediu que tanto o Portavoz do BNG como o interventor municipal advertiran a existencia dun erro no expediente, erro que non foi subsanado polo órgano que o cometeu, é dicir, o Pleno, senón a través dun Decreto de Alcaldía, “decisión máis que cuestionable pois senta un perigoso precedente xa que o que se nos está a dicir é que da igual a decisión que adopte o Pleno pois o Alcalde poderá modificala posteriormente vía Decreto” ao tempo que anuncióu a presentación dunha reclamación nos vindeiros días toda vez está aberto o prazo de exposición pública da mesma.
Mais o acontecido no Pleno ordinario de outubro é para o BNG “a gota que colma o vaso”. Refírense desde o Grupo municipal á negativa do Alcalde a debater unha moción presentada por vía de urxencia por parte do PSdeG-PSOE. Luís Seara ten claro que, “quen ten que decidir sobre a urxencia e polo tanto sobre a inclusión da moción na orde do día é o Pleno escoitadas as xustificacións do Grupo propoñente e non a alcaldía”.
Polo anteriormente exposto, Seara adianta que solicitarán un informe ao Secretario Xeral do Pleno sobre se o proceder “é o acaído e axustado á norma”, e reitera, “no BNG temos claro que non podemos continuar nesta deriva tan perigosa cara a que ímos”.
Eleccións galegas.
Preguntado polas xornalistas presentes sobre o anuncio de Jácome de concorrer ás vindeiras eleccións galegas, Seara comezou dicindo que “entraba dentro das nosas quinielas esta posibilidade. É lóxico que a marca branca do PP que é DO saia ao seu rescate e máis visto o debate sobre o estado da Nación de onte no Parlamento galego”, e engade, “moi mal lle debe pintar a cousa a Rueda para que teñan que recorrer a Jácome e tentar reter así a Xunta, algo que por outra banda, non van conquerir pois estamos convencidas e convencidos de que o cambio é imparábel e que Galiza contará por primeira vez na súa historia cunha Presidenta nacionalista”.