O BNG alerta da precaria situación na que se atopa o Parque de Bombeiros do Concello de Ourense
No BNG denuncian que a día de hoxe o Parque está sen vehículos para o rescate en altura ao estar os dous camións escada inoperativos, co risco que iso supón en caso de emerxencia
Desde a formación nacionalista tamén denuncian que entre outras deficiencias, o concello ten sen cubrir o posto de Xefe do Parque, non existen regulamento de réxime interno ou programa de formación continua, por non falar do estado das instalacións
Ourense, 26 de xaneiro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia que a día de hoxe os profesionais do Parque de Bombeiros carecen dos vehículos necesarios para desenvolver rescates en altura. O motivo non é outro que o feito de que os dous camións escada dos que dispón o servizo atópanse neste momento inoperativos.
Segundo a formación nacionalista e tal e como asegura a concelleira Rhut Reza “a día de hoxe a autoescada atópase nun taller ao romperlle unha das bombas por falta evidente de mantemento e o camión autobrazo está tamén nestes momentos noutro taller, ambos ademais sen data de entrega”.
Para os nacionalistas estamos diante dun feito moi grave xa que segundo Reza, “en caso de que se produza unha emerxencia e haxa que efectuar un rescate en altura, os nosos bombeiros non contan con ningún vehículo para realizalo”, e engade, “este é un feito grave polo que supón para a seguridade da veciñanza no seu conxunto pero tamén para a dos profesionais que teñen que prestar o servizo”.
Pero o BNG enmarca esta situación, “que por desgraza xa ten acontecido noutras ocasións”, dentro da situación de precariedade na que se atopa actualmente un servizo tan importante como é o dos Bombeiros de Ourense xa que como ben relatan, “a día de hoxe o Parque segue sen Xefe, algo que dificulta enormemente o traballo diario do mesmo, non existe programación de tarefas diarias, programación para a formación continua, algo fundamental e moi necesario, nin tampouco un regulamento de rexime interno. A todo o anterior debemos engadirlle o estado no que se atopan as instalacións do Parque e por suposto a situación dos vehículos”.
No BNG recoñecen o traballo e as melloras introducidas nos últimos meses coa adquisición de material e de novos equipos así como que esté nestes momentos en proceso de licitación a adquisición dunha nova Autobomba Urbana Lixeira (BUL), máis entenden necesario abordar a situación do Parque no seu conxunto e darlle unha solución global, pasando mesmo pola construción dun novo e nunha nova ubicación.
Rhut Reza ten claro que “hai servizos nos que pola súa importancia e trascendencia non se poden escatimar nin gastos nin esforzos e os servizos de emerxencia son un deles, esiximos ao Goberno Local que aborde a situación do Parque de Bombeiros coa importancia que merece e solvente á maior brevidade posible todas as deficiencias existentes a día de hoxe”.