O BNG alerta de que a aparente mellora das listas de agarda en Ourense son un “espellismo” pois oftalmoloxía e rehabilitación seguen colapsadas
Noa Presas sinala que Ourense segue con máis agarda por unha consulta hospitalaria que antes da pandemia e que ten o segundo peor dato de Galiza. Alerta de que o SERGAS aumenta os concertos coa privada no canto de reforzar a sanidade pública e cita como exemplo o concerto de 29 millóns de euros con Vithas e a derivación constante de doentes a Vigo
Ourense, 10 de outubro de 2025. A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas, alertou do “efecto espellismo” dos datos de agarda por unha consulta hospitalaria da Área sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras e matizou que a lixeira mellora do dato “non pode levar ao conformismo porque se o dato mellora é porque vimos dos peores da nosa historia”. Presas engade que “aínda así, non se recuperou o tempo medio de agarda prepandemia e hai especialidades aínda colapsadas como é o caso de Oftalmoloxía e rehabilitación que seguen por riba dos 100 e 90 días respectivamente”. Por outra banda sinala que “temos Cirurxía xeral e dixestiva por riba da media galega de 50 días, rozando en Ourense os 60”.
Presas lembrou que “o acceso á sanidade con igualdade territorial segue a ser unha quimera en Galiza, pois Ourense ten o segundo peor dato soamente por detrás de Lugo, evidenciando a falta de igualdade de recursos da que xa alertou o Consello de Contas” e engade, “a receita do Partido Popular está a ser, no lugar de reforzar a sanidade pública, encher as arcas da privada”.
Noa Presas afirma que “este ano deriváronse 29 millóns de euros á sanidade privada e deriváronse pacientes a Vigo no lugar de reforzar os medios en Ourense, o que supón un parche, non unha solución. Xa no 2024 o Consello de Contas sacou un informe no que advertía do aumento da prestación da asistencia con medios alleos da propia macroárea sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras”.
E é que nese informe, segundo a formación nacionalista, Contas desvelaba como no ano 2022, que era o ano estudado, en Ourense aumentou con máis intensidade a prestación de asistencia sanitaria con medios alleos. Se en Galiza aumentou un 5% en Ourense un 6,8% sendo a Área de Ourense na que máis aumentou e máis peso ten a derivación á privada, arredor do 20%. En Ourense, no 2022, namentres a actividade propia medrou un 11%, a derivación a centros privados fixoo nun 41%.
Diante desta situación, desde o BNG adiantan que reclamarán no Parlamento Galego “un Plan de reforzo da sanidade pública en Ourense que aposte por máis persoal, máis recurso e a mellora da atención nas áreas máis sensibles para a poboación como xeriatría ou a atención ao ictus cunha unidade verdadeiramente ben dotada”.