O BNG lamenta que o partido solidario xuntos contra o lume non se puidese disputar no Estadio do Couto pola “desidia e neglixencia da Xunta”

IMG_8375
Luís Seara e Iago Tabarés en rolda de prensa este xoves

A formación nacionalista denuncia que o encontro previsto inicialmente no Estadio do Couto non se puido celebrar nesta instalación polo “lamentable” estado do terreo de xogo, algo que segundo din, prexudica gravemente aos intereses dos clubes que fan uso do estadio e cuxa responsabilidade é “exclusiva da Xunta” propietaria e encargada do mantemento do mesmo

O BNG lamenta que o partido solidario xuntos contra o lume non se puidese disputar no Estadio do Couto pola “desidia e neglixencia da Xunta”

Ourense, 09 de outubro de 2025. O partido solidario xogado na tarde de onte no Estadio Municipal de Balaídos entre o R.C.Celta e unha Selección de Ourense tiña como escenario inicial o Estadio do Couto en Ourense. Así o manifestou o propio Responsable de Relacións Institucionais do clube celeste e así o confirman tamén desde o BNG. Mais o certo é que o estadio ourensán foi descartado “debido ao lamentable estado no que se atopa o terreo de xogo, feito que provocou que os técnicos decidisen mudar de escenario”.

Para o Portavoz municipal do BNG Luís Seara “é lamentable que un partido destas características, cuxo obxectivo é a solidariedade coas zonas máis castigadas polo lume este verán e que contribuiría a reivindicarnos como ourensáns, teña que disputarse fóra da provincia de Ourense por carecer de instalacións mínimamente dignas”.

Para Seara a responsabilidade é clara: “o Estadio do Couto é propiedade da Xunta de Galiza quen é ademais a encargada do seu mantemento. Nós xa cuestionamos no seu día a reforma realizada pois resulta evidente que non serviu para solventar os graves problemas estruturais, de accesibilidade, de comodidade e de operatividade da instalación mais o que resulta indignante é que apenas dous anos despois de mudar o terreo de xogo e de investir preto de 700.000 euros, este se atope no lamentable estado no que está”.

Para a formación nacionalista “que este partido solidario non se puidese disputar no Estadio do Couto é consecuencia directa da desidia e da neglixencia da Xunta, responsable de que a instalación estea en perfecto estado para o seu uso, máxime cando vimos dun periodo de verán sen actividade polo que resulta máis sorprendente aínda o lamentable estado no que se atopa”.

Clubes prexudicados.

Pero mais alá da non disputa do partido solidario “xuntos contra o lume”, o BNG denuncia que a situación “afecta moi negativamente aos clubes que actualmente fan uso da instalación, prexudicando gravemente os seus intereses, poñendo en risco a integridade dos xogadores e ofrecendo unha lamentable imaxe da terceira cidade de Galiza” e engade, “a nivel municipal levamos moito tempo pedíndolle ao Goberno Local que erga a voz diante da Xunta e esixa solucións, mais sempre temos a calada por resposta dun Goberno que se laia continuamente pero que logo non fai nada para mudar a situación”.

Esixencia de responsabilidades.

Pola súa banda o deputado Iago Tabarés adiantou que a través do Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, presentarán nos vindeiros días unha batería de iniciativas co obxectivo de coñecer os motivos que levaron ao deterioro do terreo de xogo do Estadio do Couto así como para que se acometan as reformas que os nacionalistas entenden precisas para mellorar a accesibilidade, a comodidade e a operatividade da instalación “tendo claro que o nos proxecto pasa pola construcción dun novo estadio na contorna do actual”.

O BNG tamén insiste unha vez máis, como xa fixera en 2024, na restitución do monumento instalado en homenaxe a José Manuel Vieira Ferreira “Lito”, quen perdeu a vida o 6 de agosto de 1985 tras pasar máis dunha semana en coma logo de recibir un golpe nun adestramento e o monolito homenaxe a C.D.Ourense, creado grazas as aportacións de centos de seareiros. Para o BNG “por respecto á historia do clube vermello, a toda a súa afección e a “Lito”, ambos deberan ser devoltos ao lugar que que sempre ocuparon no Estadio”.

Copia de Copia de Copia de Moción BNG
Monolitos homenaxe a "Lito" e a C.D.Ourense


 

O BNG lamenta que o partido solidario xuntos contra o lume non se puidese disputar no Estadio do Couto pola “desidia e neglixencia da Xunta”