O BNG amósase contrario á externalización anunciada polo Goberno Jácome dos traballos do PEP-OU cuxo custo ascenderá aos 400.000 euros

Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense
Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense

Luís Seara defende o traballo feito até o de agora polos técnicos do PERI e sinala que “logo de tres anos de parón dos traballos da Comisión, non é de recibo que o Goberno veña a anunciarnos a externalización dos mesmos e que o propio Goberno estima nuns 400.000 euros”

O BNG amósase contrario á externalización anunciada polo Goberno Jácome dos traballos do PEP-OU cuxo custo ascenderá aos 400.000 euros

Ourense, 10 de abril de 2025. Esta mañá celebrouse no Concello de Ourense, logo de tres anos sen facelo e pese ás reiteradas solicitudes formuladas ao longo deste tempo tanto polo BNG como polo resto de Grupos da Oposición, unha nova reunión da Comisión de seguimento do PEP-OU.

O Portavoz municipal da formación nacionalista e membro da Comisión Luís Seara sinalaba ao remate da mesma que “o que se nos trasladou é que o Goberno vai externalizar os traballos de redacción do proxecto e que a partir de ahí xa se irá vendo”. Seara deixa clara a postura do BNG a este respecto, “nós estamos radicalmente en contra da externalización dos traballo” e engade, “houbo un traballo moi bo feito polos técnicos da casa, nomeadamente os da Oficina de Rehabilitación (PERI) que desmantelou este Goberno Local, polo tanto é materialmente imposible que cando desmantelas a oficina e estás reducindo medios humanos os traballos podan avanzar en tempo e forma”.

Seara bótalle en cara ao Executivo local que “nos últimos tres anos non se tivera convocada a Comisión, o que deriva nesta situación de impás e agora ao Goberno éntranlle as presas e decide retomalos a través dunha empresa externa e gastando preto de 400.000 euros”.

O Grupo municipal do BNG ten claro que “os mellores para facer este traballo son os técnicos da desmantelada oficina do PERI por unha razón fundamental, porque son os que coñecen a realidade da cidade e en particular a realidade da zona histórica polo que desde o noso punto de vista teñen o aval en canto a coñecementos, profesionalidade e capacidade para poder desenvolver un proxecto destas características”.

O BNG amósase contrario á externalización anunciada polo Goberno Jácome dos traballos do PEP-OU cuxo custo ascenderá aos 400.000 euros