O BNG súmase as demandas das e dos doentes e pide o mantemento e reforzo da Unidade Multidisciplinar Post-Covid do CHUO

Noa Presas afirma que “esta Unidade atendía as persoas que quedaron con secuelas graves do Covid-19, porén a Xerencia comezou o seu desmantelamento ao non cubrir baixas que agora pretende culminar co peche, abandonando definitivamente aos centos de pacientes vítimas desta enfermidade”
Ourense, 10 de abril de 2025. A pandemia da Covid-19 trouxo múltiples consecuencias en materia sanitaria e de saúde pública. Entre outras, afirman desde o BNG, “está o reto da atención a todas aquelas persoas que sofren o que popularmente coñecemos como Covid persistente” e engaden, “falamos de doentes que sofren de fatiga, dificultade para respirar ou disfuncións cognitivas e que xeralmente teñen un impacto no funcionamento diario e na calidade de vida destas persoas”.
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense, quen participou esta mañá xunto o Portavoz municipal Luís Seara e a Concelleira Erea Blanco na concentración convocada por doentes de Covid persistente ás portas do CHUO, sinala que “esta Unidade Multidisciplinar atendía as persoas que quedaron con secuelas graves na fase aguda das primeiras ondas da pandemia e tamén a aquelas diagnosticadas de Covid Persistente”.
“Porén no 2024, a Xerencia comezou o seu desmantelamento ao non cubrir baixas e agora pretende culminar co peche, desta forma o SERGAS abandona definitivamente aos centos de pacientes vítimas da Covid para unha poboación de máis de 300.000 persoas se temos en conta as derivacións dos hospitais comarcais ao centro de referencia”.
Para Noa Presas “as desculpas emitidas pola Xerencia e que pasan por dicir que presuntamente as persoas afectadas terán unha enfermeira de referencia que os atenderá coordinadamente con facultativos da unidade de enfermidades infecciosas e que se van manter terapias grupais, non resolven os problemas e necesidades e é necesario maior transparencia e compromiso para asegurar unha boa atención sen esperas e por equipos que poidan traballar de forma coordinada e integral tendo en conta a complexidade da realidade destes doentes”.
Diante desta situación, desde a formación nacionalista anuncian que veñen de rexistrar varias iniciativas Parlamentarias encamiñadas a que a Xunta de Galiza “garanta unha atención rápida, integral e multidisciplinar para as e os doentes de Covid persistente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras de forma que permita o diagnóstico e o acompañamento e tratamento do seu proceso de recuperación, para o que pedimos consensúe co persoal sanitario e cos colectivos de doentes calquera reorganización do servizo que viña prestando a unidade específica, dando prevalencia ao seu mantemento e non suprimindo persoal nin servizos”.