O BNG anima a Ourense a mobilizarse pola sanidade pública o próximo 6 de abril

A Organización nacionalista chama a apoiar masivamente a mobilización nacional convocada por SOS sanidade pública o próximo 6 de abril ás 12:00h. en Santiago
Noa Presas insiste en que “a parte do país que con máis urxencia necesita que a Xunta do PP free o desmantelamento da sanidade é Ourense, como amosan as peores listas de agarda hospitalaria, a situación do Novoa Santos ou a saturación de Centros de Saúde como o de Mariñamansa ou a Ponte”
Ourense, 23 de marzo de 2025. A Organización nacionalista animou á sociedade ourensá a “a apoiar masivamente a mobilización nacional convocada por SOS sanidade pública o próximo 6 de abril ás 12:00h. en Santiago de Compostela que reclama máis atención primaria, máis atención hospitalaria e máis sanidade pública ante a situación de deterioro e desmantelamento á que levan as políticas dun Partido Popular que normalizou esperas de máis de dez días en Primaria e que deixou de investir neste ámbito máis de dous mil millóns de euros en 15 anos”.
A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, insistiu en que “Ourense é a parte do país que con máis urxencia precisa que a Xunta do PP free o desmantelamento da sanidade, como amosan as peores listas de agarda hospitalaria, a situación do Novoa Santos ou a saturación de Centros de Saúde como o de Mariñamansa ou a Ponte”
Presas recordou que, “se un galego agarda de media 60 días por unha consulta hospitalaria, un ourensán 86,2 o peor dato de todo Galiza, con especializades absolutamente colapsadas como oftalmoloxía, cunha espera de máis de 133 días e máis de 9.718 persoas agardando” e “vemos como en Ourense á saturación dos Centros de Saúde que hai no resto do país e que aquí son especialmente alarmantes. En Mariñamansa ou na Ponte vemos a falta de diálogo e planificación da xerencia, como estamos vendo no intento de dividir o actual Nóvoa Santos entre O Couto e o Centro de especialidades”.
O BNG recorda que “esta imposición da Xunta vai contra o criterio profesional das e dos sanitarios do centro que están a recoller sinaturas porque é tecnicamente viable desprazar profesinais e pacientes integramente ao Centro de especialidades cunha pequena reformar e evitar a chapuza de sobrecagar o do Couto duplicando a súa poboación”.
As nacionalistas recordan que “O PP leva anos aproveitando cada crise para acelerar o deterioro da sanidade pública, provocando unha falta de profesionais que afonda na precariedade do sistema. Isto tradúcese en graves consecuencias para o dereito á saúde da cidadanía, con atrasos no diagnóstico, listas de espera interminábeis e un persoal sanitario ao límite” e insisten en que “as demoras para acceder a consultas, probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas seguen aumentando, sen que o Goberno da Xunta de Galiza contemple medidas urxentes para reducir as listas de espera e isto non pasa por casualidade. Por exemplo, o 50% do persoal de enfermería ou medicina de familia é temporal, cunha falta de persoal alarmante. A ratio de enfermeiras en Galiza é de 5,13 por cada 1.000 habitantes, moi por debaixo da media estatal (6,3) e da europea (8,83) e a pediatría é outro dos servizos máis afectados, enn 201 concellos galegos non hai servizo de pediatría”.