O BNG avanza unha batería de iniciativas parlamentarias ante “a alarmante situación de colapso da Área sanitaria de Ourense”
A deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés, anuncian que solicitarán vía Parlamento, “un informe sobre a situación da sanidade ao Consello Galego da Competencia ante os últimos movementos de concentración dos Centros hospitalarios privados de Ourense, reformas urxentes no edificio do materno infantil e da sala de partos do CHUO e un Plan de choque para as listas de agarda”
Ourense, 03 de xuño de 2024. A alarmante situación na que se atopa a Área sanitaria de Ourense é obxecto dunha “fonda preocupación” no BNG. A deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés, compareceron esta mañá en rolda de prensa para dar conta “da grave situación de colapso na que se atopa a sanidade en Ourense” así como para enunciar a batería de iniciativas rexistradas no Pazo do Hórreo.
Para deputada Noa Presas, “estamos diante dunha situación preocupante e de urxencia por dúas razóns. A primeira, que estamos vendo como empeoran os tempos de asistencia e a falta de persoal, tanto na atención primaria como na hospitalaria e a segunda, que despois do demoledor informe do Consello de Contas que nos demostrou como aumentou a privatización da Área e no que xa se advertía dos riscos que supón a concentración da atención privada en cada vez empresas máis grandes, vemos que ese proceso xa avanzou en Ourense coa compra de Cosaga e o Carmen polo Grupo Recoletas e co anuncio dun novo hospital”.
E é que a situación, lonxe de mellorar ou tan sequera estancarse, “empeora sen que a Xunta tome medidas. Vivimos unha situación preocupante na Atención Primaria, empeora a situación e temos Centros de Saúde tan importantes como o da Ponte ou o de Valle Inclán, que atenden o groso da cidade e concellos de arredor, con falta de cobertura de pediatría”.
“A situación do Hospital Materno e da Sala de Partos é absolutamente vergonzante, seis meses despois de que caese o falso teito, malia os apaños que se fixeron, tanto esta área como o conxunto do materno presentan deficiencias e protestas de usuarios e profesionais que nos amosan unha instalación máis propia da II Guerra mundial que do século XXI”.
Presas deu conta tamén dos datos coñecidos o pasado venres e referidos á lista de agarda facilitados polo propio SERGAS e os cales son “demoledores”. “Ourense volve ter as peores listas de espera de Galiza. As listas de agarda de consulta hospitalaria empeoraron, de 117,8 días a 130,1, case o dobre da media de Galiza que está nun 73,4, unha situación de colapso en oftalmoloxía con máis de 10.000 persoas agardando unha cita, rehabilitación con máis de 7.000, traumatoloxía con case 7.000, ou dermatoloxía con máis de 2.000”.
Desde a formación nacionalista fan especial fincapé no feito de que “en Ourense pasan cousas que non pasan no resto de Galiza. Hai case 3.000 persoas agardando unha consulta hospitalaria máis de 12 meses. Para que nos fagamos unha idea só nos hospitais de Lugo e de Ourense hai persoas nesta situación, en Lugo 161 e en Ourense 13 veces máis. Iso é gravísimo”, e engaden, “no Hospital de Ourense a situación é límite tamén no ámbito cirúrxico. Esperamos 70,1 días para operarnos cando a media galega é de 67,5 e a todo isto súmase a situación que se dá na sanidade privada e que ten repercusións na propia sanidade pública.
No relativo aos datos de derivación á sanidade privada, Noa Presas puxo especial énfase no feito de que “o 20% da atención sanitaria é derivada e iso é especialmente intenso nas ciruxías menores, diálese ou e en probas radiodiagnósticas. Coñecemos tamén que isto se facía sen o debido soporte contractual, nalgún caso desde hai máis de 20 anos, e sen unha adecuada información dos prezos o que provoca que o sistema público estea nunha situación de absoluta dependencia e indefensión ante prácticas como a suba de prezos”.
Hai unhas semanas coñeceuse como finalmente o Grupo Recoletas, que xa tiña adquirido o conglomerado de COSAGA, vén de acaparar tamén o centro de El Carmen. Para o BNG este feito, unido a que estes dous centros suman arredor de 400 empregados e empregadas e que segundo as súas propias informacións teñen máis de 120.000 pacientes e desenvolveron máis de 7.000 intervencións cirúrxicas ao ano, unha parte moi importante derivadas da pública, “implica riscos que advertía a propia CNMC e desde o BNG pensamos que a Xunta ten que empregar os seus propios instrumentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para facer un seguimento das consecuencias desta operación para as e os ourensáns pola alta privatización desta Área sanitaria”.
Ante esta situación, desde o BNG lanzan unha ofensiva en defensa da sanidade pública de Ourense baseada en tres iniciativas concretas. “Este mércores levamos ao Parlamento unha Proposición non de Lei para pedir un informe sobre a situación da sanidade ao Consello Galego de Competencia, a próxima semana abordaremos a situación do edificio materno infantil e da sala de partos do CHUO así como a necesidade de elaborar e implementar un Plan de choque para as listas de agarda, especialmente en oftalmoloxía, dermatoloxía, rehabilitación e traumatoloxía.