O BNG de Barbadás censura o comportamento do Alcalde no Pleno do pasado luns e anuncia que proporá unha modificación do Regulamento Orgánico Municipal
Segundo a formación nacionalista e como consecuencia do acontecido no Pleno do pasado luns no que o Alcalde impediu que o BNG cedese un dos seus turnos de intervención a unha veciña, “é preciso modificar o Regulamento Orgánico Municipal á vista de que o Alcalde rompeu cunha práctica que viña sendo habitual neste Concello”
Ourense, 12 de setembro de 2024. A Concelleira Nuria Feijóo comezou a súa intervención lamentando a decisión do actual Goberno DO – PSdeG-PSOE de aumentar até nun 120% as taxas relativas ás Escolas Deportivas municipais, algo que vai “deixar fóra a moitas familias e crianzas que por unha cuestión económica non as van poder inscribir, algo que para nós e grave e que non se xustifica de ningunha maneira”. Mais para o Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás, o acontecido o pasado luns “racha co que viña sendo unha norma non escrita neste Concello desde hai décadas”.
Feijóo, quen compareceu acompañada do Portavoz Sarín Núñez, refírese ao feito de que durante o debate da moción rexistrada polos nacionalistas na que se solicitaba a conxelación das taxas das Escolas Deportivas para o presente curso 2024-25, estes decidiron ceder o seu segundo turno de intervención a unha veciña presente na sesión. A resposta do Alcalde foi negarse e impedir que esta participase do debate.
Este feito é de enorme relevancia para o BNG xa que tal e como afirma Nuria Feijóo, “a cesión de turnos de intervención foi no noso Concello unha práctica habitual, tanto nos mandatos do Alcalde actual como co anterior, polo que entendemos que aínda que no Regulamento Orgánico Municipal puidera non estar recollido, esta cesión de turnos, formaba parte da memoria colectiva desta institución”, e engade, “algo que o Alcalde vén de tirar por terra, truncando dese xeito a democracia e a participación veciñal nos asuntos públicos”.
Diante desta situación, desde o BNG proporán no próximo Pleno e vía moción, tal e como avanzou o Portavoz nacionalista Sarín Núñez, “pór negro sobre branco, mudando o Regulamento no sentido de que nel se recolla dun xeito moi concreto a participación da veciñanza nos Plenos”.
A proposta da formación nacionalista pasa pola modificación do artigo 32.5 no que se incluiría un novo parágrafo no que, tal e como afirma Sarín Núñez, “se conteña a posibilidade que cada Grupo político poida ceder os tempos da súa intervención durante a defensa das súas mocións a calquera veciña ou veciño, representante dun colectivo social ou veciñal, cedéndolle mesmo o seu asento para a realización de dita intervención”.