O BNG amósase escéptico ante a execución do proxecto de plantación de 14.000 árbores anunciado polo Goberno Local
Desde a formación nacionalista lembran que xa en decembro de 2022 abogaban a través dunha moción na que se solicitaba financiamento europeo, pola “renaturalización urbana”. Ao tempo, afirman que “o que se recolle no documento vai en dirección contraria ás políticas desenvoltas polo actual Goberno Local”
Ourense, 14 de setembro de 2024. O pasado martes 10 de setembro, o Goberno Local presentaba públicamente o proxecto de plantación de 14.000 novas árbores para mellorar a calidade de vida e combater o cambio climático. Facíao cun documento encargado a unha consultora externa a través dun contrato menor de 18.000 euros, feito relevante para o Grupo municipal do BNG xa que, ao seu entender, “o mesmo, podería ter sido elaborado polos técnicos municipais quenes ademais teñen un coñecemento moito máis profundo da realidade de Ourense”.
O Portavoz do BNG Luís Seara, sinala que unha vez avaliado pormenorizadamente o proxecto, “podemos extraer varias conclusións que son cando menos chamativas”, e engade, “en primeiro lugar que o que se propón vai na dirección totalmente contraria ao que o actual Goberno Local entende por humanización de espazos públicos xa que namentres no informe abógase pola redución dos pavimentos asfálticos ou empedrados, as últimas actuacións en varias rúas da cidade reduciron as zonas verdes en favor, precisamente, de asfalto e a pedra”.
Para os nacionalistas, outro elemento a ter moi en conta e que de novo colide coa idea do Rexedor ten que ver coa importancia que se lle da ao PMUS, para Luís Seara “non deixa de ser curioso como ao tempo que o documento sinala o PMUS como elemento base para o desenvolvemento de boa parte das actuacións a levar a cabo, o Alcalde segue a desprezalo continuamente”, ao que engade, “algo similar acontece cos hortos urbanos, aínda no Pleno ordinario deste mes, Jácome cargaba contra eles e agora resulta que son un elemento a valorar e potenciar na proposta que o propio Goberno traslada”.
Pero máis alá das contradiccións entre o proxecto presentado e o proceder diario do Executivo Local no que ao ámbito medioambiental se refire, no BNG amósanse escépticos “de que dito proxecto poida ser executado, en primeiro lugar pola contía da qu se fala, preto dos nove millóns de euros e despois porque o que fai o Concello é desvincularse totalmente da súa execución, traspasando esa responsabilidade á Xunta de Galiza, na que tampouco confiamos demasiado”. Para Luís Seara a estratexia de Jácome é clara, “eu presento o proxecto pero para que o execute a Xunta e se non se fai a culpa non é miña”.
Renaturalización urbana e fondos Next Generation.
O Grupo municipal do BNG lembra igualmente que en decembro de 2022 e precisamente a través dunha moción rexistrada polos nacionalistas, xa se instaba ao Goberno Local a optar aos fondos postos en marcha pola Fundación Biodiversidade, dependente do MITECO para a renaturalización urbana das cidades.
Daquelas, desde o BNG abogaban por “renaturalizar, non falamos dunha mera revexetación, senón de tentar recuperar a conectividade ecolóxica e para iso tamén se debe realizar unha intervención completa, desde os solos até a restauración de hábitats, tendo en conta a imperiosa necesidade e a grande oportunidade que temos coa recuperación dos nosos ríos e as súas contornas así como de toda a masa forestal existente ao redor da propia cidade e consecuencia da situación xeográfica da mesma ao que engadimos a posta en valor de toda a contorna e a vexetalización do casco urbano así como das zonas periurbana”.