O BNG califica de fuxida cara adiante o peche en falso da comisión de investigación relativa ao edificio ao carón da igrexa dos Franciscanos, no parque de San Lázaro
Segundo os nacionalistas, a nova documentación aportada polo promotor nos últimos días, e da que é coñecedora a concelleira de urbanismo é da suficiente relevancia como para solicitar novamente a comparecencia do promotor
Ourense, 15 de setembro de 2021. Para o Grupo Municipal do BNG o remate dos traballos da comisión de investigación de urbanismo relativa ao edificio sito no Parque de San Lázaro ao carón da igrexa dos franciscanos "é un peche en falso".
O concelleiro Luis Seara é tallante ao asegurar que "a comisión fecha en falso e o modo en que o fai resulta bochornoso". Seara engade que no día de hoxe e debido á nova documentación aportada nos últimos días que tamén está en poder da concelleira de urbanismo, "e diante da gravidade dos feitos que se relatan, debería tomarse en consideración volver chamar ao promotor para que compareza".
PP, DO e Cs negáronse a esta posibilidade e solicitaron o peche dos traballos da comisión. No BNG denuncian que PP e DO propiciaron tamén que as conclusións presentadas no seu día polos diferentes grupos municipais tiveran que ser votadas en lote. Luis Seara manifesta que con isto "é imposible poder votar aquelas coas que todos coincidimos, é a perversión da democracia".
Os nacionalistas consideran "malo" para o concello pechar en falso unha comisión logo de tantos meses pois "quedan moitas cousas por dilucidar xa que desapareceu documentación, e o curioso é que a aportada nos últimos días podería contribuir a clarexar as causas do porqué desa desaparición".
Por último, o BNG advirte do "flaco favor que se lle fai ao concello con esta decisión xa que pode acabar derivando en graves responsabilidades económicas, tendo que asumir indemnizacións millonarias, políticas e mesmo penais nós non imos asumir, coñecendo o que coñecemos, non podemos nin debemos nin queremos mirar cara outro lado".