O BNG celebra a decisión da Audiencia Provincial de Sobreseer e arquivar as actuacións abertas contra Serafín Núñez
Ourense, 06 de agosto de 2020. Na sede comarcal do BNG compareceron hoxe Serafín Núñez (responsable comarcal e concelleiro en Barbadás) acompañado de membros do consello comarcal coma Luís Seara, Xose Manuel Fírvida (responsable local do BNG en barbadás) e Carlos González (concelleiro no concello de Barbadás) para dar conta da decisión adoptada pola Audiencia Provincia de Ourense en relación á demanda interposta no seu día por unha traballadora municipal contra Serafín Núñez cando éste, no anterior mandato, ocupaba responsabilidades de goberno xestionando a concellería de servizos sociais.
Os feitos remóntanse ao ano 2018, momento en que unha traballadora municipal da concellería de servizos sociais acusaba a Serafín Núñez de acoso laboral, usurpación de función e prevaricación.
Na comparecencia de hoxe, Xose Manuel Fírvida amosou todo o apoio da formación nacionalista a Serafín Núñez, quen "actuou sempre de forma honesta e responsable" tentando adoptar medidas correctoras sobre a metodoloxía de traballo dentro da concellería co fin de "mellorar e garantir a prestación do mellor servizo posible as veciñas e veciños de Barbadás". Fírvida destacou tamén que no auto queda claro que "non se cosideran provados ningún dos feitos imputables" ao mesmo tempo que destacaba a dilatada traxectoria de Núñez dentro do ámbito municipal e que o que se perseguía con esta querela era "contaminar a súa acción de goberno".
Pola súa banda o propio Serafín Núñez amosou a súa tranquildade e satisfacción polo auto da Audiencia Provincial, deixando claro que ningunha das súas decisións ía encamiñada a perxudicar a ningunha funcionaria ou funcionario e que o único que perseguía era unha "reestructuración do traballo da concellería que permitise equilibrar as cargas de traballo e axilizar a tramitación e prestación dos servizos a tódolas veciñas e veciños".
Núñez indicou que o que pretendía era "mudar determinados hábitos adquiridos durante os anos anteriores por determinado persoal e por determinados servizos que actuaban baixo autoxestión e coma se fosen servizos autónomos" o que redundaba en carencias de funcionamento dentro da propia concellería da que era responsable.
O auto da Sección n.2 da Audiencia Provincial de Ourense de 20 de abril de 2020 fai súas as conclusións do auto do xulgado de instrucción n. 1 que en data 02 de setembro de 2019 acordaba o "sobreseemento provisional e o arquivo das presentes actuacións", indicando que o auto ´"é firme e contra o mesmo non cabe recurso ordinario algún".