O BNG chama á mobilización contra a corrupción e en defensa da Soberanía Nacional
O Bloque Nacionalista Galego da comarca de Ourense-O Carballiño mobilízase mañá venres, 22 de febreiro, contra un sistema cruel e corrupto e para esixir dos gobernos o dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega. Farao a partir das 20h diante da sede do PP (rúa Progreso) nunha convocatoria conxunta na que participan ademais as organizacións, CIG, COG, NÓS-UP, BRIGA, COMITÉS, Galiza Nova, ISCA, Liga Estudiantil Galega e ADEGA.
O BNG fai un chamamento á cidadanía para loitar na rúa contra a corrupción e contra a desestruturación social e cultural, contra un sistema político e económico intrínseca e estruturalmente corrupto que leva décadas empobrecendo a Galiza e exterminando os seus medios de vida. Os nacionalistas instan á cidadanía a loitar contra un sistema que de xeito planificado e sistemático está roubando recursos ás clases traballadoras, obreiros, autónomos e pequenos empresarios, para que os grandes capitais teñan máis ganancias e engorden máis.
Ourense, 21 de febreiro de 2013
Asdo.: Consello Comarcal de Ourense-O Carballiño